A Consellería de Cultura e Educación recoñece os bos resultados de 20 estudantes de bacharelato cos premios extraordinarios correspondentes ao curso 2013/2014
Este galardón valora o esforzo e a dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, algunha das modalidades de bacharelato no sistema educativo galego.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder a 20 alumnas e alumnos galegos os Premios Extraordinarios de Bacharelato, correspondentes ao curso 2013/2014. Estes premios, supoñen o recoñecemento do esforzo e a dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, algunha das modalidades de bacharelato no sistema educativo galego. Así mesmo son un galardón á superación e responsabilidade persoal do estudante, na procura de estimular estes comportamentos excepcionais dos alumnos e alumnas do sistema educativo galego en aras de incrementar a excelencia académica.
Na relación de premiados, que publicou o pasado venres 17 de outubro o Diario Oficial de Galicia (DOG), hai 8 estudantes da Coruña, 4 de Lugo e 8 pertencen a centros de Pontevedra. En concreto, pola provincia coruñesa resultaron galardoados María Vidal García (IES Maximino Romero de Lema), Joaquín Vila García (IES Plurilingüe Rosalía de Castro), Nicolás González Granado (IES Plurilingüe Rafael Dieste), Adrián Grille Guerra (CPR Manuel Peleteiro), Martín Varela Salido (IES Canido), Rosa Elena Veiga Otero (IES A Pontepedriña), Pablo Paz Cotilla (IES Concepción Arenal) e Nuria Bello Barral ((IES de Curtis); mentres que pola de Lugo fórono Carmen Jorge Díez (IES Nosa Sra dos Ollos Grandes), Irene Ferreiro Sanmartín (IES Río Miño), Patricia Martínez Paz (IES Plurilingüe San Rosendo), e Diego Durán Cano (IES de Quiroga). Os alumnos pontevedreses que acadaron este ano o galardón foron Raúl Alonso Rodríguez (IES Carlos Casares), Pablo Pino Prieto (CPR Los Sauces), Sara Álvarez Quintáns (IES Frei Martín Sarmiento), Andrea Falcón Leal (IES Francisco Asorey), Isabel Carmoega Taboada (IES Marco do Camballón), Ángel Villar Corrales (IES As Barxas), Raúl Barciela Sánchez (IES de Mos) e Laura Riveiro Lago (IES San Tomé de Freixeiro)
Os requisitos
Os aspirantes debían contar cunha cualificación final media nos dous cursos de bacharelato igual ou superior a 8,75. Ademais, realizaron unha proba con dúas partes: a primeira consistente na análise e comentario crítico dun texto de carácter xeral, histórico, filosófico e literario e na resposta a cuestións de carácter cultural e lingüístico sobre un texto en lingua estranxeira. Na segunda parte desenvólvense temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia da modalidade cursada.
Cada premio está dotado cunha contía de 1.000€ e coa exención do pagamento dos prezos públicos polos servizos académicos no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2014-2015. Ademais supón a anotación da distinción no seu expediente académico, un diploma acreditativo e a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de bacharelato. Cabe subliñar que nesta convocatoria dos 10 alumnos e das alumnas que acadaron o premio, un 40% tiveron unha cualificación final media nos dous cursos de bacharelato entre 9,25 e 9,75, mentres que un 60% obtivérona entre 9,75 e 10.
Para máis información, pódese consultar a publicación do DOG do pasado venres na seguinte ligazón: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20141017/AnuncioG0164-101014-0002_gl.html