A Xunta de Galicia participa na presentación da campaña de Ponte... nas ondas! Para a inscrición do patrimonio inmaterial galego-portugués na listaxe representativa da Unesco
Acompañaron á asociación cultural e pedagóxica o secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
A Administración autonómica colabora coa actividade desenvolvida por Ponte... nas ondas! no marco da aplicación da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa Lusofonía, aprobada recentemente por acordo unánime do Parlamento de Galicia
A Xunta de Galicia participou esta mañá na presentación da nova campaña que porá en marca Ponte... nas ondas! para a inscrición do patrimonio inmaterial galego-portugués na listaxe representativa da Unesco. Na rolda de prensa tomaron parte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo.
Participaron tamén Olinda de Sousa e Santiago Veloso, en representación de Ponte... nas ondas!; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xosé Manuel González Reboredo, en representación do Museo do Pobo Galego; e José María Costa, presidente da Cámara de Viana do Castelo e da Rede Internacional de Entidades Transfronteirizas (RIET). O acto contou coa participación musical de Uxía e de Augusto Canário e foi retransmitido por streaming.
Desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade
García Gómez destacou “a importancia da posta en valor do patrimonio inmaterial galego-portugués no marco das accións que está a poñer en marcha ou a apoiar a Xunta de Galicia para lle dar cumprimento á Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa Lusofonía, recentemente aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia en marzo deste ano, baixo unha proposición de lei de iniciativa lexislativa popular avalada por 17000 sinaturas”.
O secretario xeral recordou que “a xa coñecida Lei Valentín Paz-Andrade ten como obxectivo aproveitar a vantaxe lingüística do galego coa lusofonía, polo que o Goberno galego está a potenciar o portugués a través da posta en marcha de diferentes propostas educativas, culturais, económicas e institucionais que conecten a lingua propia de Galicia coa que é, hoxe por hoxe, a maior comunidade lingüística do hemisferio sur e un dos idiomas europeos máis falados do mundo”. Segundo sinalou, “a intercomprensión cos países de fala portuguesa conéctanos cunha comunidade de 250 millóns de persoas lusófonas, un valor cultural enraizado no patrimonio galego-portugués, que se transforma nun valor económico que cómpre aproveitar”.
Posta en valor do patrimonio inmaterial galego-portugués
Na mesma liña, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, que tamén é coordinador da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, destacou que esta candidatura aspira precisamente a rescatar e manter viva a memoria de antano e ao mesmo tempo, divulgar actividades, crenzas, valores e formas estéticas que procedendo de tempos anteriores, aínda están vixentes no momento actual, cun sentimento de pertenza a unha cultura común.
Esta campaña de sensibilización entre a sociedade de Galicia e do Norte de Portugal pretende acadar o recoñecemento por parte da UNESCO do patrimonio inmaterial galaico-portugués, e está promovida pola asociación Ponte...nas Ondas!, de carácter educativo en con participación de docentes e centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal.
A Xunta de Galicia e a Comunidade Galicia-Norte de Portugal xa apoiaron esta acción en 2004, e, como lembrou Gamallo na súa intervención “desde a Xunta de Galicia apoiamos xa en 2004 esta iniciativa, posto que temos un legado histórico común, que pervive a ámbolos dous lados da fronteira, con numerosas manifestacións cotiás que reforzan a idea dunha conciencia cultural común entre Galicia e o Norte de Portugal, que continúa dando mostras de vitalidade, no cultural e no político como as moitas iniciativas de colaboración cidadá, os proxectos empresariais, ou as participacións e colaboracións en proxectos comúns”.
Todos temos unha responsabilidade na conservación destas manifestacións culturais, polo que supoñen de recoñecemento das nosas raíces, incidiu Jesús Gamallo, e a súa desaparición suporía unha deslealdade cos nosos predecesores e unha mostra de desarraigo imperdoable por parte de galegos e portugueses, ademais de que nos ocasionaría un imperdoable empobrecemento cultural.