Cultura e Educación pon en marcha a quinta edición do programa ‘Navega con rumbo’ para guíar aos mozos e mozas no uso seguro e responsable da internet

O conselleiro Xesús Vázquez Abad asinou un convenio de colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática para o desenvolvemento dun proxecto que instrúa aos escolares fronte aos riscos do ciberespazo

Levaranse a cabo accións formativas e divulgativas en 240 centros Abalar de toda Galicia

Desde a súa posta en marcha hai catro anos, xa foron 650 os centros escolares dixitalizados os que se beneficiaron desta iniciativa

Mar, 14/10/2014 - 17:30
O conselleiro Xesús Vázquez Abad asinou un convenio de colaboración co Colexio P
O conselleiro Xesús Vázquez Abad asinou un convenio de colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) vai poñer en marcha, por quinto ano consecutivo, o programa ‘Navega con Rumbo’, enmarcado dentro do proxecto Abalar, e que ten por obxecto concienciar aos escolares galegos no uso responsable da Internet.

Trátase, en definitiva, de guiar aos mozos e mozas cara unha navegación segura e útil co fin de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou doutros riscos derivados dun mal uso das redes sociais. Ademais, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e aos pais e nais na medida en que se poidan converter en transmisores de boas prácticas de cara aos rapaces e rapazas.

Segundo establece o protocolo asinado hoxe entre o conselleiro Xesús Vázquez Abad e o presidente do colexio de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez, o CPEIG levará a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración entre toda a comunidade educativa en 240 centros Abalar seleccionados (20 máis que na pasada edición), entre os cales terán prioridade aqueles que participan no proxecto de educación dixital E-Dixgal, posto en marcha este mesmo curso.

O programa estará apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG, dirixidas tanto ao alumnado coma ás familias e ao profesorado, que se poderán descargar en formato electrónico na web do programa www.navegaconrumbo.es, web na que tamén estará a disposición da comunidade educativa xogos e ligazóns de interese sobre a temática do programa.

Balance do programa

Está é a quinta edición de “Navega con Rumbo” tras a súa posta en marcha hai catro anos cun balance de 650 accións realizadas noutros tantos centros educativos desde o curso 2010-2011.

O ‘Navega con Rumbo’ ven a complementar o proxecto Abalar posto en marcha pola Consellería de Cultura e Educación co fin de aproveitar as potencialidades que ofrecen as Tecnoloxías da Información e a Comunicación aplicadas ao eido educativo. Trátase, por tanto, de que a comunidade educativa rendibilice as infraestruturas, os contidos e as ferramentas dixitais dispoñibles a prol dunha mellora continua da calidade do noso sistema educativo.