O conselleiro de Educación anuncia o proxecto para a cubrición da pista deportiva e melloras na cociña do CEIP de Antas de Ulla, en Lugo

A Consellería de Educación prevé investir máis de 315.000 euros nestas obras

Ven, 27/08/2010 - 13:22

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP de Antas de Ulla (Lugo), onde anunciou que a Consellería ten proxectado mellorar as instalacións deste centro, co fin de dotar á súa comunidade escolar dunhas instalacións da máxima calidade. As obras desenvolveranse na pista deportiva e na cociña do centro, e a Consellería va investir nelas máis de 315.000 euros.

Así, Vázquez Abad explicou que está previsto levar a cabo a cubrición da pista deportiva, para que os case 90 estudantes do colexio poidan utilizala incluso nos días de mal tempo. Para iso, o proxecto que está a estudar o departamento educativo da Xunta de Galicia inclúe a instalación dunha cuberta autoportante sustentada en pórticos metálicos, que garantirá que a pista non se molle. “De feito a infraestrutura levará dobre chapa e unha capa intermedia de illamento que evitará ruídos molestos en días de choiva forte ou saraiba”, destacou o conselleiro. Ademais a cuberta disporá dun completo sistema de evacuación de pluviais e dunha marquesiña para protexer das inclemencias do tempo o acceso á pista desde o edificio do colexio.

Reforma da cociña

Respecto da cociña, a reforma centrarase fundamentalmente no redeseño dos seus espazos. Actualmente o recinto non está ben distribuído, polo que parte da súa superficie non está aproveitada. Para mellorar estas dependencias, o proxecto contempla levantar unha nova distribución máis axeitada, que permita ubicar os almacéns e un pequeno vestiario para o persoal, e un cuarto para o lixo.

Con estas obras a Consellería de Educación dá mostra do seu compromiso co mantemento e mellora das instalacións de todos os centros educativos de Galicia. Non en balde, o conselleiro de Educación está a reunirse desde principios de verán cos equipos directivos e con equipos técnicos en diferentes centros escolares para coñecer de primeira man as necesidades educativas de cada unha das provincias e poder darlles resposta.

Durante o seu percorrido polo instituto, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral da Consellería, Jesús Oitavén Barcala; o xefe territorial de Educación na provincia de Lugo, José Jesús Ramos Ledo; o alcalde de Antas de Ulla, Javier Varela Pérez; e o director do centro, José Rodríguez Vázquez.