A Escola Superior de Arte Dramático de Galicia abre as súas portas en Vigo para 250 alumnos e alumnas
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, realizou esta mañá unha visita ao centro, acompañada do director da escola, Manuel Vieites, para comprobar o resultado da obra
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, visitou esta mañá as novas instalacións da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, situada no polígono de San Paio de Navia, para comprobar in situ o resultado da obra e coñecer o novo centro educativo, que mañá abrirá as súas portas de forma oficial co inicio das clases.
Acompañada polo director do centro, Manuel Vieites, e outros membros do equipo directivo, a responsable do Goberno galego na cidade percorreu todas as instalacións e resaltou a importancia da apertura da escola en Navia neste curso académico xa que, ademais de posibilitar o traslado da ESAD a unhas instalacións máis acordes para este tipo de estudos, o centro convertirá e potenciará a zona residencial e, en definitiva, Vigo, coma o novo referente das artes escénicas. Para unha cidade tan activa e dinámica coma Vigo é moi necesario contar con estas instalacións e este novo espazo?, sinalou Molares, quen recalcou tamén a espectacularidade dos espazos e das aulas prácticas así coma o deseño en sí do edificio, cunha gran luminosidade e totalmente aberto ao entorno no que se atopa.
O novo inmoble ten capacidade para e 250 alumnos e alumnas, e trátase dun edificio de 5.469 metros cadrados que tivo un custe de 6.546.494 euros. A apertura do centro é posible unha vez que se remataron as obras, que tiveron retrasos debido aos problemas que ocasionou a folga do metal ademais das conexións cos servizos básicos como auga, luz, electricidade, gas e saneamento.
O equipo directivo convocou esta mañá a todos os estudantes matriculados (arredor de 125 das distintas especialidades e cursos) para que coñeceran o inmoble e para informalos adecuadamente de todos os espazos e usos do inmoble coa finalidade de que mañá poidan iniciar as clases sen ningún tipo de problema.
As novas instalacións
O novo edificio consta de cinco niveis: cun semisoto (625,90m2), un baixo (1.994,70m2), a pranta de acceso (1.424,75 m2), o primeiro andar (904,20 m2) e un segundo andar (519,62 m2), cun total de 5.469,20 m2.
Nestes espazos están a biblioteca, aulas, cafetería, oficinas, un pequeno teatro con 125 butacas e outras dependencias con capacidade para 250 alumnos e alumnas, ademais dun local de usos múltiples para cen persoas máis. As aulas foron divididas de modo que hai 5 para interpretación e catro para expresión corporal. Ademais haberá dúas para expresión oral e canto, e o mesmo número para expresión musical. Deseño escénico, taller de interpretación, director de escena e taller de indumentaria teñen unha aula para cada materia. Finalmente, a todas estas súmanse doce clases para impartir o resto de materias.
Con todos estes espazos rematados e dotados do mobiliario, que foi trasladado durante o Nadal, os alumnos e alumnas de Arte Dramático poderán estudar nun centro propio, e non como ata o de agora, que recibían as clases no instituto de Ensinanza Secundaria de Bouzas, onde estaban a compartir aulas dende 2005, ano no que arrancou a traxectoria destes estudos en Galicia.