Xesús Vázquez Abad recibe aos 158 auxiliares de conversa que participarán no vindeiro curso, na provincia da Coruña, no plan galego de potenciación das linguas estranxeiras do noso ensino

Un total de 158 auxiliares de conversa participarán no plan de potenciación das linguas estranxeiras na provincia da Coruña e prestarán apoio en centros de Primaria, Secundaria, F.P e nas Escolas Oficiais de Idiomas

Lun, 06/10/2014 - 11:43
Xesús Vázquez Abad recibe aos 158 auxiliares de conversa
Xesús Vázquez Abad recibe aos 158 auxiliares de conversa que participarán no vindeiro curso, na provincia da Coruña, no plan galego de potenciación das linguas estranxeiras do noso ensino

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad recibiu hoxe na sala de convencións do edificio CINC da Cidade da Cultura aos 158 auxiliares de conversa que prestarán apoio ao longo deste curso nos centros educativos da provincia da Coruña, que acudiron ao acto acompañados dos respectivos coordinadoras e coordinadores dos centros aos que foron destinados. Os auxiliares de conversa prestarán axuda en centros de Primaria, Secundaria, F.P e nas Escolas Oficiais de Idiomas. Ao longo dos vindeiros días iranse celebrando as recepcións das outras provincias.

Rede de centros plurilingües

O Plan de potenciación das linguas estranxeiras da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegará o vindeiro curso a preto de 85.500 alumnas e alumnos, un 18,4% máis ca no ano académico 2013/2014. Isto supón que 4 de cada 10 estudantes galegos do ensino obrigatorio se beneficiarán desta estratexia da Xunta de Galicia para a aprendizaxe de idiomas, na cal participarán a partir de setembro preto do 80% dos centros sostidos con fondos públicos. De feito, a Rede de centros plurilingües integrará en 2014/15 case o 18% dos centros sostidos con fondos públicos, e a de seccións bilingües a máis do 62%.

Deste xeito, no curso 2014/15 haberá un total de 220 centros plurilingües, un 19% máis ca no anterior, do que se beneficiarán preto de 31.500 estudantes. No caso das seccións, haberá un total de 3.223, 367 delas de nova incorporación, nun total de 768 centros educativos, 64 máis ca no curso2013/14, que chegarán a preto de 52.000 alumnas e alumnos.

Tanto os centros plurilingües como parte das seccións bilingües contarán co apoio dun total de 454 auxiliares de conversa nativos, un 4,3% máis ca no curso anterior, o que volve colocar Galicia nos primeiros postos en España neste eido, pois é a segunda Comunidade Autónoma en ratio de auxiliares por alumnos e a terceira en número total. Cómpre, ademais, sinalar que desde o curso 2008/09 os auxiliares no noso sistema educativo se multiplicaron case por 7, froito do esforzo da Consellería para establecer novos convenios de colaboración neste eido como os susbscritos cunha entidade académica chinesa (Hanban) e outra portuguesa (Instituto Camões).

En Galicia simultanearase – en concreto no IES Xosé Neira Vilas de Oleiros (A Coruña)- o programa de dobre titulación en bacharelato e ‘baccalauréat’ francés; así como do programa de diploma bilingüe inglés-español liderado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, neste caso nos centros públicos que impartan bacharelato internacional.