O conselleiro de Educación percorreu as instalacións do CEIP San Marcos, en Abegondo, A Coruña

Xesús Vázquez Abad visitou o centro educativo, cuxas obras de ampliación tiveron un custe de preto dun millón de euros, que acollerá a máis de 350 escolares

Ven, 20/08/2010 - 11:44
O conselleiro de Educación percorreu as instalacións do CEIP San Marcos, en Abeg
O conselleiro de Educación percorreu as instalacións do CEIP San Marcos, en Abegondo, A Coruña

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola mañá as instalacións do CEIP San Marcos, situado no concello de Abegondo, na Coruña. Nestas obras a Xunta investiu preto dun millón de euros para a ampliación e mellora das instalacións.

Así, o vindeiro curso os 113 estudantes de educación infantil e os 214 de primaria verán como a entrada ao centro escolar foi mellorada a través do peche da zona norte do patio de xogos. Deste xeito o aulario transfórmase en peche da parcela, conducindo a entrada xeral da escola. Con esta ampliación o centro adquire novas dimensións, con espazos importantes para o tempo de recreo dos escolares, con aulas provistas de zonas de aseo.

Vázquez Abad percorreu as instalacións acompañado polo secretario xeral da Consellería de Educación, Jesús Oitavén Barcala, así como do delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo; e a xefa territorial de Educación na provincia, María Teresa Villaverde Pais; así como o alcalde do concello de Abegondo, José Antonio Santiso; e o director do CEIP San Marcos, José Miguel Blanco Fernández.

Equipamento informático

O CEIP San Marcos Abegondo ademais de beneficiarse das melloras que supón esta ampliación, tamén gozará das vantaxes do proxecto ABALAR, que dotará de equipamento e infraestruturas dixitais a todos os membros da comunidade escolar deste centro. O uso destes dispositivos informáticos influirá de xeito positivo na actividade docente e na ensinanza dos alumnos e alumnas, mellorando non só as súas competencias, senón tamén implicando ás familias, que participarán activamente na aprendizaxe dos estudantes.

O conselleiro recordou que a incorporación do CEIP San Marcos ao proxecto ABALAR garante que “os centros públicos da área metropolitana coruñesa contan co apoio desta Consellería para a implantación das TIC no seu proxecto didáctico”.

Con estas actuacións, a Consellería de Educación reafirma o seu compromiso de dotar da máxima calidade ao ensinanza galego como así está a facer cos máis de 26 millóns de euros investidos na mellora dos centros escolares da provincia coruñesa no presente ano. Coa actividade desenvolvida hoxe, o conselleiro continúa coas visitas que comezou o pasado mes de xullo, que o están a levar a colexios e institutos das catro provincias galegas, e que lle permiten manter conversas cos representantes da xunta, equipos técnicos e equipos directivos académicos para coñecer as necesidades dos centros educativos de cara ao vindeiro curso.