A Consellería de Cultura e Educación atendeu nunha primeira fase de obras de mellora as principais necesidades acordadas co equipo directivo do CEIP de Rubiáns
O departamento educativo da Xunta de Galicia leva investido máis de 1,3 millóns de euros desde 2009 en obras en centros de ensino de Vilagarcía de Arousa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria atendeu de forma prioritaria e nunha 1ª fase de obras de melloras as principais necesidades acordadas co equipo directivo do CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa). Así o expresou o xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, tras as manifestacións feitas por algúns membros pola ANPA nos medios de comunicación. “A Unidade Técnica – explicou- analizou as necesidades do centro e acordouse co equipo directivo que nunha primeira fase se mudarían as fiestras de aluminio da fachada norte para mellorar o illamento térmico, a actuación máis demandada. Desta forma o investimento no centro elevouse a preto de 100.000 euros, uníndose ás melloras que xa se realizaran para a reparación de aleiros, reposición de falso teito e luminarias e a substitución da electrobomba do sistema de calefacción”.
O xefe territorial lembrou, ademais, que o departamento educativo da Xunta de Galicia leva investido máis de 1,3 millóns de euros desde 2009 en obras en centros de ensino de Vilagarcía de Arousa.
Ao respecto do cambio de horario do centro, César Pérez explicou que se trata dunha modificación complexa que afectaría ao transporte escolar. “Así- engadiu- para poder realizala, terían que coordinarse entre si os diferentes centros afectados”.