Os proxectos de inserción laboral acaparan a maior parte dos convenios da Xunta coas tres universidades galegas no primeiro semestre deste ano
O Goberno autonómico destinou a estes acordos máis de 1,3 millóns de euros, un 5,56% máis con respecto do mesmo período do ano anterior
Estas achegas ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) realízase á maiores da cantidade asignada a cada universidade a través do Plan de Financiamento
Os proxectos de apoio á inserción laboral dos titulados dirixidas ao alumnado universitario galego aglutinaron a meirande parte dos convenios que a Xunta de Galicia asinou coas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) durante o primeiro semestre deste ano.
Segundo se recolle no informe que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria elevou hoxe ao Consello da Xunta, o Goberno galego asinou un total de 60 convenios coas universidades entre xaneiro e xuño de 2014, o que representa un incremento do 20% en número de acordos con respecto ao mesmo período do ano anterior. O importe conxunto dos convenios ascende a máis de 1,3 millóns de euros, cantidade que supón un 5,56% máis ca no primeiro semestre do 2013.
Do conxunto dos 60 convenios asinados, o 28,3% están relacionados con iniciativas de apoio á inserción laboral dos titulados universitarios. Séguenlle moi de cerca os proxectos de apoio a accións sociais, culturais, deportivas ou de voluntariado (o 25% do total), mentres que o financiamento de másteres oficiais acaparou o 21,7% das accións e o 18,3 dos convenios foron para proxectos de investigación considerados de interese.
Por número de convenios asinados destacan a Presidencia da Xunta (15), Sanidade (12), a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (10), as consellerías de Traballo e Benestar e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (8 cada unha delas), Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (3), Economía e Industria (2), e Facenda e Medio Rural e Mar (con 1 cada unha delas).
En canto ao reparto por universidades, a de Santiago de Compostela obtén o 57,18% das achegas neste período, a da Coruña o 24,42% e a Universidade de Vigo recibe el 18,41%.
O informe do que se deu conta ao Consello da Xunta foi emitido segundo o disposto na cláusula 5ª do acordo polo que se aproban as instrucións para a coordinación das achegas económicas e investimentos da Xunta de Galicia nas universidades galegas, así como en calquera tipo de fundacións, sociedades ou entidades dependentes das universidades, calquera que sexa a figura xurídica. Non obstante cómpre salientar que estas achegas ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) realízase á maiores da cantidade asignada a cada universidade a través do Plan de Financiamento.