Cultura e Educación dotou ao CEIP Feliciano Barrera (Ponteareas) de profesorado suficiente para atender as tres unidades de infantil, que teñen unha ratio de menos de 12 alumnos por aula

A Consellería está a estudar ademais a posibilidade de incorporar ao centro un profesor de inglés compartido para a sección bilingüe

No que atinxe á psicomotricidade, o CEIP conta con 3 profesores de infantil que deben traballar este aspecto, para o que poden axudarse do docente de educación física

Xov, 18/09/2014 - 13:27
CEIP Feliciano Barrera
CEIP Feliciano Barrera

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a estudar a posibilidade de incorporar ao CEIP Feliciano Barrera (Ponteareas) un profesor de inglés – que sería compartido con outro centro- para atender a sección bilingüe e completar o plantel do centro. 

Neste sentido cómpre sinalar ademais que o departamento educativo da Xunta de Galicia dotou ao centro do profesorado suficiente para atender as 3 unidades de infantil coas que conta. De feito, nesta etapa están matriculados 35 escolares, o que supón unha ratio de menos de 12 alumnos por aula, cando pode ser de ata 25, e mesmo chega a 30 en outras Comunidades Autónomas. No que atinxe á psicomotricidade, o CEIP conta con 3 profesores de infantil que deben traballar este aspecto, para o que poden axudarse do docente de educación física.

A este respecto o xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, explicou que a Xunta de Galicia “está a dar resposta de forma moi xenerosa ás necesidades deste centro, mantendo as tres unidades de educación infantil con cadanseu mestre titor, cando o número de alumnas e alumnos realmente indica a posibilidade de agrupalos en só 2 aulas. A maiores, e se así se considera conveniente, incorporarase un docente compartido con outro centro educativo para atender a sección bilingüe nesta etapa, polo que non se entenden as queixas dunha comunidade educativa que está a recibir claramente un trato sen tacha por parte da Consellería”.