Cultura e Educación publica no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se regula a FP básica e se adaptan ás necesidades de Galicia os 21 currículos existentes nesta nova modalidade
A comunidade educativa ten á súa disposición este texto deste o 13 de maio
Galicia é ademais a única comunidade cos 21 currículos publicados
A FP básica supón un salto cualitativo respecto dos antigos Programas de Cualificación Profesional Inicial, permitindo a quen a cursan obter un título oficial dos seus estudos, entre outras vantaxes
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o Decreto polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos. Deste xeito complétase a normativa de implantación desta nova modalidade da FP, na que se ofertan xa este curso un total de 4.240 prazas en 212 grupos distribuídos por toda a xeografía galega. De feito, a comunidade educativo tivo á súa disposición este texto de decreto desde o pasado 13 de maio, así como a Orde pola que se regulan aspectos específicos para a implantación das ensinanzas de formación profesional básica no curso académico 2014-2015 (publicada o 13 de agosto).
Cómpre salientar, ademais, que a través deste decreto se establecen os 21 currículos existentes - os publicados polo Ministerio -, o que significa que a totalidade das titulacións da FP Básica está xa adaptada ás necesidades do sistema educativo e do tecido socioprodutivo galego. Desta forma, Galicia é a única comunidade autónoma cos 21 currículos publicados.
Vantaxes da FP Básica
A FP Básica supón un significativo avance respecto dos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), aos que substitúe ao abeiro da implantación da Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Neste sentido, a nova modalidade permite que o alumnado que remate estes ciclos teña un Título de Formación Profesional Básica, que ten xa os mesmos efectos que o de graduado en ESO á hora de obter un emprego público ou privado. Ademais, estes ciclos permiten a mobilidade dos estudantes entre as diferentes Comunidades Autónomas; e os maiores de 21 anos que acrediten unidades de competencia poderán acceder a obter un título de FP Básica, o que non era posible cos PCPI.
Os ciclos de FP Básica inclúen tres tipos de módulos profesionais: uns asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais; módulos de Comunicación e Sociedade I e II; módulos de Ciencias aplicadas I e II, e un módulo de formación en centros de traballo. Tamén se impartirá en todos os ciclos unha unidade formativa de Seguridade e Saúde Laboral, co fin de facilitar a inclusión laboral do alumnado.
Doutra banda cabe salientar que a acción titorial e a orientación académica terán un papel significativo en cada un dos cursos da FP Básica. O obxectivo é precisamente guiar ao alumnado na transición ao mundo laboral ou académico, e tamén nos plans de acollemento no centro. A este respecto, os alumnos recibirán apoio específico sobre técnicas de estudo e organización do traballo, resolución de conflitos, habilidades comunicativas, traballo en grupo, e toma de decisións entre outros.