A Consellería de Cultura e Educación incorpora 33 novos centros ao Plan de mellora de bibliotecas escolares
A iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2010-2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incorporará o vindeiro curso 2014/2015 un total de 33 centros educativos públicos ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Así, o curso que vén participarán nesta iniciativa, enmarcada no Plan LÍA 2010-2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe, un total de 550 centros de ensino públicos de Galicia.
Dos centros participantes neste curso 2014/2015 , a maior porcentaxe son CEIP, un 53%, mentres que o 31% son IES e o 7% son centros públicos integrados (CPI). Así, acóllense a esta iniciativa o 69% dos IES de Galicia, o 60% dos CEIP de máis de 6 unidades; así como o 58% CPI, nos cales estuda maioritariamente alumnado de zonas rurais.
A incorporación dos centros de ensino a este plan supón un apoio extra por parte da Administración educativa para a actualización dos fondo bibliotecarios, a renovación do mobiliario e doutros equipamentos necesarios para a prestación dos servizos da biblioteca. De feito, o orzamento do PLAMBE para o curso 14/15 ascende a 810.000 euros.
Á súa vez, os responsables destas bibliotecas pasan a formar parte dunha rede profesional na que se intercambian experiencias, propostas e informacións relacionadas coas bibliotecas e as súas funcións nos centros; reciben asesoramento e seguimento continuado por parte da Asesoría de bibliotecas escolares da consellería, e participan nunha actividade de formación específica: os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, que se celebran anualmente en Compostela e nos que, ademais de exemplos de boas prácticas, teñen a oportunidade de coñecer as últimas investigacións en materia de lectura e traballo coa información, entre outros temas de interese
A biblioteca, un recurso transversal
Esta nova incorporación de centros reafirma a posición das bibliotecas escolares como unha das liñas prioritarias de actuación do departamento educativo da Xunta de Galicia para a mellora dos resultados académicos do alumnado, así como para a adquisición das competencias básicas na súa formación. Neste sentido, o plan busca integrar a biblioteca escolar no desenvolvemento do proxecto educativo do centro, como fonte de recursos en diversos soportes para o seu aproveitamento transversal no currículo escolar.
Así mesmo, desde a biblioteca promóvese a alfabetización informacional, básica para o alumnado nos tempos actuais, así como a promoción do hábito lector e o achegamento á cultura dixital, proporcionando neste último caso ademais ferramentas para o uso axeitado das novas tecnoloxías como fonte de documentación e información. As novas bibliotecas escolares son, así mesmo, espazos de encontro entre os distintos sectores da comunidade educativa e contribúen á formación lectora de pequenos e maiores.
Os centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2014/15 son na provincia de A Coruña: os CEIP Plurilingüe San Marcos (Bergondo); Raquel Camacho e San Francisco Javier (A Coruña); ademais do Sofía Casanova (Culleredo), e o de Piñeiros (Narón). Tamén se integran os IES Francisco Aguiar (Betanzos), o Praia de Barraña (Boiro); o Monte Moas ( A Coruña), así como o Universidade Laboral (Culleredo) e o de Cacheiras (Teo). Así mesmo adírese o EEI de Vilarodis-Oseiro de Arteixo.
Na provincia de Lugo integranse os CEIP San Xoán (Becerreá), así como o Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo) e o Virxe do Carme de Sober.
Pola súa banda na provincia de Ourense anexionanse os CEIP Santa María A Real (Entrimo) e o Ben-Cho-Shey (Pereiro de Aguiar), así como o Manuel Respino ( A Rúa) e o de Sarreaus, sito no mesmo concello.
Por último en Pontevedra agreganse os CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cotobade); Cabada Vázquez (A Estrada); Soutelo de Montes (Forcarei); Conmeniño (O Grove) e Manuel Rodríguez Sinde (A Guarda). Tamén na capital provincial incorpóranse o Álvarez Limeses, o Parada Campañó e o Príncipe Felipe. Igualmente o Altamira en Salceda de Caselas, ao igual que o Barrantes en Tomiño e o Santa Irene en Vigo.
O resto dos centros participantes pódense consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140909/AnuncioG0164-030914-0001_gl.html