A Consellería de Cultura e Educación garante que a ESAD de Vigo terá o número de docentes precisos para atender ao alumnado
O centro contará con 40 docentes, o que supón 1 por cada 12 alumnos
Deste xeito cada profesor impartiría unha media de 14 horas lectivas, por debaixo das 20 estipuladas pola normativa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lamenta as informacións vertidas sobre os recursos docentes cos que contará no curso 2014/2015 a ESAD de Galicia (Escola Superior de Arte Dramática), e garante que este centro contará con 40 profesores, máis dos suficientes para asumir a carga lectiva do centro. Deste xeito, cada profesor impartirá unha media de 14 horas de clase, por debaixo das estipuladas pola normativa vixente, na que se indica que a xornada semanal do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas artísticas – entre outras incluídas na orde- “será de 37 horas e media, das cales dedicarán 30 ás actividades do centro con presenza nel. Destas 30 horas semanais, 23 serán de horario fixo no centro educativo. Destas 23, 20 terán carácter lectivo e as 3 restantes distribuiranse entre dúas gardas e unha hora de titoría de pais e alumnos”, tal e como quedou recollido no informe da Inspección Educativa sobre o plantel da ESAD. Polo tanto, o profesorado deste centro aínda podería impartir unha media de 6 horas lectivas máis para completar o seu horario, co que as necesidades quedan plenamente cubertas.
No que se refire á ratio de alumnos por profesor, co plantel de 40 persoas sería de media de 12 estudantes por profesor, a moita distancia da establecida polo Real Decreto vixente ao efecto, que é de 1/24 nas materias teórico-prácticas. Cómpre sinalar así mesmo que, para garantir a impartición dalgunhas disciplinas, o centro ten materias optativas con tan só 6 alumnos matriculados, cando o mínimo establecido é de 10.
Á vista destes datos queda claramente de manifesto que o centro conta con profesorado dabondo para asumir a carga lectiva actual, así como para asumir as necesidades que se puideran presentar ao longo do curso. Neste sentido o departamento educativo da Xunta de Galicia lamenta ás comunicacións feitas a este respecto, coa única intención de desinformar á sociedade cando a aposta da Consellería polas ensinanzas artísticas é clara e queda patente tanto na impartición na ESAD de ata 16 especialidades, como no propio edificio que se construíu para a mesma, que supuxo un investimento de máis de 6,5 millóns de euros.