Máis de 2.300 alumnos de 5º de primaria de 84 centros educativos inician o curso con libros dixitais grazas á iniciativa e-Dixgal da Xunta de Galicia

Preto de 600 profesores impartirán as clases elaborando a súa propia “mochila dixital” a través dun entorno virtual de aprendizaxe

Esta plataforma tecnolóxica ofrece contidos curriculares gratuítos de dous provedores

Os docentes poderán engadir recursos complementarios a estes contidos, desde ligazóns de interese a contidos de elaboración propia

É un paso máis no desenvolvemento do Proxecto Abalar, que a Xunta puxo en marcha en 2010 co obxectivo de transformar as aulas tradicionais en dixitais

Ven, 05/09/2014 - 11:19
Captura de pantalla da plataforma de contidos dixitais
Captura de pantalla da plataforma de contidos dixitais

Un total de 84 centros educativos galegos iniciarán o vindeiro día 10 o curso escolar 2014/2015 conectados á plataforma de contidos dixitais da Xunta. O entorno virtual de aprendizaxe ofrece contidos curriculares dixitais, e gratuítos para máis de 2.300 alumnos de 5º de primaria, que serán accesibles tamén sen necesidade de conectividade.

É a primeira fase da iniciativa E-DIXGAL, que forma parte do Proxecto Abalar e que prevé alcanzar en tres anos a 22.500 alumnos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO. O investimento total é de preto de 2 millóns de euros e suporá un aforro total de 4,5 millóns de euros para a Administración autonómica e as familias.

Para a creación da plataforma tecnolóxica e a dotación de contidos abriuse un concurso público do que resultaron adxudicatarias as empresas Iecisa, Altia, Coremain e Netex. A plataforma ofrece, nesta fase, contidos curriculares para 5ª de primaria de dous provedores, a editorial EDEBÉ e a empresa de contidos dixitais Netex.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, inauguraban esta mañá a xornada de presentación do proxecto a dirección e coordinadores TIC dos centros implicados e asesores Abalar. Durante o acto o conselleiro quixo agradecer ao profesorado a súa implicación na posta en marcha deste proxecto, sendo “unha vez máis exemplo da profesionalidade dos docentes galegos, da súa aposta pola innovación e da súa comprometida implicación para situar os centros de ensino galego na vangarda educativa. Neste sentido púxose a disposición da comunidade educativa “para prestarlles o noso apoio onde sexa necesario ao longo das distintas fases do proxecto, unha atención que arrinca hoxe nesta xornada”.

Vázquez Abad quixo ademais salientar a boa acollida da iniciativa, “non en balde, foron 90 as solicitudes recibidas na Consellería, nunha convocatoria que foi un éxito entre os centros públicos, que representan o 90% dos proxectos presentados, sendo un de cada tres centros públicos Abalar de primaria beneficiarios do proxecto”. “Deste xeito - engadiu- deixamos patente que a Xunta de Galicia en tempos de crise aposta pola educación como a chave do futuro situando, como no seu día fixemos co Abalar, a Galicia nese grupo de países que contan cunha folla de ruta específica propia para fomentar o uso das TIC no ensino e conseguir así acadar os obxectivos comúns da Estratexia Educación e Formación 2020 da Unión Europea”.

Profesores

Alumnos e profesores dos 84 centros (75 públicos e 9 concertados –privados) accederán ao entorno virtual de aprendizaxe no que desenvolverán a súa actividade educativa diaria.

Os preto de 600 docentes implicados poderán elaborar a súa propia “mochila dixital” escollendo, a través da plataforma dixital, os contidos formativos dos dous provedores que participan no proxecto, coa posibilidade de combinar unidades de ambos para unha mesma materia.

Está previsto que os docentes poidan acceder desde este entorno virtual aos máis de 2.000 recursos educativos do espazoAbalar. Tamén se habilitará conexión co Punto Neutro do Ministerio de Educación para posibilitar o acceso a contidos de pago de empresas editoras.

A plataforma ofrece varias opcións de supervisión do avance do alumnado, con actividades avaliables para seu seguimento e a posibilidade de expor itinerarios particulares en función de necesidades específicas. Dispón tamén dun calendario común por aula e dun persoal, así como dun sistema de mensaxería interno e a posibilidade de abrir foros de debate.

Ademais, o profesor poderá engadir recursos complementarios aos que ofrece a plataforma como actividades, ligazóns de interese, ou contidos de elaboración propia.

Alumnos

O alumnado terá acceso á plataforma de modo equivalente ao do docente, aínda que as opcións que verá son as exclusivas do seu perfil. Accederá ao itinerario formativo que lle asigne o profesor e poderá visualizar o calendario de contidos e actividades propio. O equipo básico de acceso á plataforma por parte do alumno é o netbook de Abalar que se lle asigna desde o inicio de curso.

Desde o netbook poderá acceder á plataforma en modo online e offline. Deste xeito garántese que os alumnos e alumnas que non dispoñan de conexión a Internet desde as súas casas poidan seguir o curso sen dificultade. Todo o avance que realicen sen conectividade será actualizado de maneira automática na plataforma en canto o netbook volva ter conexión de rede.

Formación e asistencia

O proceso de implantación desta iniciativa implica a formación do profesorado e do alumnado, que desde o luns terán a súa disposición na propia plataforma cursos de teleformación orientados a cada un dos perfiles sobre o uso e vantaxes da plataforma.

Tamén as familias teñen información sobre a iniciativa na web de educación, edu.xunta.es e no espazoAbalar, punto de encontro na rede para a comunidade dos centros Abalar.

Ademais, para solucionar incidencias da plataforma docentes e familias dos centros implicados contarán cun equipo de soporte específico dentro da Unidade de Atención a Centros (UAC), con atención continuada de luns a venres de 8 a 20 horas a través do teléfono 881 99 77 01e do mail uac@edu.xunta.es.

Os docentes disporán de asistencia presencial no propio centro a través da rede de asesores Abalar e dos coordinadores TIC de cada centro.

Proxecto Abalar
A entrada en funcionamento da plataforma de aprendizaxe virtual é un paso máis no desenvolvemento do Proxecto Abalar, que se iniciaba no curso 2010/2011 en 297 centros co obxectivo de transformar as aulas tradicionais en dixitais e mellorar a calidade do sistema educativo galega grazas a integración das TIC e coa implicación de toda a comunidade educativa.

No curso 2013/2014 Abalar chegou a 2.360 aulas de 531 centros, beneficiando a 51.000 alumnos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO.

Máis de 1.000 actividades de formación

A evolución do Proxecto Abalar nos últimos catro anos reflíctese non só no número de aulas e alumnos beneficiados senón nas actividades e iniciativas que se desenvolveron para os restante integrantes da comunidade educativa: profesores, pais e nais.

O Plan de formación do profesorado impartiu realizou ao redor de 1.100 actividades, presenciais e a distancia, das que se beneficiaron máis de 22.000 docentes. A iniciativa “Navega con Rumbo” para concienciar sobre os bos hábitos de uso na rede a profesores, pais, nais e alumnos chegou a máis de 650 centros e preto de 40.000 persoas.

Máis de 2.000 recursos no repositorio Abalar
Outro dos eixos fundamentais do proxecto é o Repositorio de contidos dixitais do espazo Abalar, que se está a consolidar como o punto de encontro da comunidade educativa na rede, xa que desde que comezara a funcionar, en novembro de 2010, os usuarios do portal espazoAbalar teñen realizado máis 2,6 millóns de descargas.

espazoAbalar conta con 2.106 recursos educativos dixitais complementarios, dispoñibles en sete idiomas, para educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos.

abalarMóbil

Unha das últimas iniciativas do Proxecto Abalar foi a posta en marcha da aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles. AbalarMobil traslada ás tabletas e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar e simplifica o acceso a estas funcionalidades, xa que o único requirimento é dispoñer dun dispositivo móbil con conexión de datos, descargar a aplicación e rexistrarse nela. AbalarMóbil está operativo con datos de 15.592 alumnos de 39 centros educativos e estase a implantar de xeito progresivo ao resto dos centros educativos ata beneficiar a preto de 400.000 familias galegas.

Estas medias están acompañadas dunha mellora na infraestruturas de telecomunicación, que permita aos centros adaptarse ás novas necesidades do contexto dixital. Así máis de 230 centros educativos e institutos contan con velocidades de 100 megas de conexión a internet.