A Xunta salienta a importancia de formar a orientadores e persoal docente no uso responsable da internet e as novas tecnoloxías entre os adolescentes

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participaron na presentación dos datos sobre o uso da rede polos mozos e mozas de entre 12 e 17 anos

O estudo é froito da colaboración entre a Consellería, a Amtega, o Valedor do Pobo e a Universidade de Santiago de Compostela para afondar nos programas de prevención de riscos no uso das novas tecnoloxías por parte dos xoves

Cultura e Educación, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación, achegou a máis de 400 profesores a plataforma online co que se recolleron os datos reais para o estudo

Mér, 03/09/2014 - 12:54
O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e a directora da Axenc
O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participaron na presentación dos datos sobre o uso da rede polos mozos e mozas de entre 12 e 17 anos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a importancia de formar a orientadores e persoal docente no uso responsable da internet e as novas tecnoloxías entre os adolescentes. Así o dixo esta mañá durante a presentación dos resultados dun estudo sobre os hábitos tecnolóxicos dos rapaces e rapazas de secundaria, elaborado a raíz da colaboración entre a Consellería de Cultura e Educación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Valedor do Pobo e a Universidade de Santiago, co fin de afondar nos programas de prevención de riscos no uso das novas tecnoloxías por parte dos xoves. No estudo participaron un total de 255 centros de ensino de toda Galicia e máis de 44.000 estudantes de entre 12 de 17 anos.

Segundo o responsable do departamento de Educación do Goberno galego, o feito de que máis do 71 por cento dos alumnos da ESO empreguen internet a diario e que o 93 por cento dos mesmos estea rexistrado nalgunha rede social, ou que un de cada tres adolescentes dispoñan do seu primeiro móbil antes dos 11 anos “son datos suficientemente importantes para invitarnos a reflexionar e comprometernos todos, administracións, educadores e familias”.

Aínda que case o 82 por cento dos rapaces presentan un baixo risco de dependencia, Xesús Vázquez Abad, fixo fincapé nos usos perigosos e problemáticos que os rapaces fan da tecnoloxía. De feito no estudo constátase, entre outros, que o 31,4 por cento dos contactaron con descoñecidos a través da internet e o 8,9 por cento sentíronse algunha vez ameazados ou humillados a través das redes sociais, mentres que nun 6,8 por cento de casos foron eles os que ameazaron a outros.

“Trátase –segundo dixo o conselleiro- de que os nosos mozos e mozas dispoñan das ferramentas necesarias para saber aproveitar as sinerxías que ofrecen as novas tecnoloxías ao tempo que coñecer os riscos derivados do mal uso das mesmas”. Por tanto, este tipo de estudos resultan moi útiles para coñecer os hábitos tecnolóxicos dos estudantes, sobre todo no que atinxe ás prácticas pouco saudables e, polo tanto, actuar en consecuencia.

A Consellería de Cultura e Educación participa neste proxecto a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), que achegou a máis de 400 orientadoras e orientadores e persoal docente a plataforma online coa que se recolleron os datos reais para o estudo. A este respecto o conselleiro Vázquez Abad amosou o seu agradecemento á colaboración prestada polo profesorado e salientou o esforzo que os docentes están a facer “no seu día a día” por adaptarse á nova situación derivada da dixitalización progresiva dos centros educativos.

Por último, Xesús Vázquez Abad lembrou o compromiso do seu departamento con este eido e que se manifesta en liñas estratéxicas como a lei de convivencia, na que se recolle un protocolo xeral de prevención, detención e tratamento das situacións de acoso escolar, moitas delas derivadas hoxe en día do mal uso das redes sociais.

Amtega

Pola súa banda, a directora da Amtega, Mar Pereira, sinalou que a prevención, baseada na información e na educación é a clave para evitar a proliferación destes casos e para que os adolescentes saiban como actuar ante unha situación deste tipo. A responsable da área tecnolóxica da Xunta afirmou que “dende a Administración pública somos conscientes de que a forma de abordar esta problemática é en colaboración con todos os axentes implicados, educadores, pais, nais, menores e profesionais do ámbito tecnolóxico”.

Pereira subliñou que esta é a filosofía de iniciativas que  está desenvolvendo a Xunta en colaboración cos colexios profesionais de enxeñeiros en informática e enxeñeiros técnicos en informática a través de sesións e charlas formativas como Navega con Rumbo ou o acordo asinado este ano co Centro de Seguridade en Internet ‘Protégeles’ para realizar diferentes actuacións que fomenten o uso seguro e responsable da internet e accións formativas para os docentes

A plataforma

No marco desta colaboración, o Valedor do Pobo encargouse do asesoramento técnico-xurídico dos aspectos relacionados coa protección de datos ou dos menores; mentres que a Amtega, xunto cos técnicos da Universidade, desenvolveu a aplicación informática e encargaranse do seu funcionamento e mantemento; e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria encárgase de sensibilizar e formar aos profesionais educativos para que empreguen a ferramenta. Pola súa banda, investigadores especializados da Universidade de Santiago de Compostela elaboraron os estudos e informes pertinentes.

Ademais do conselleiro Xesús Vázquez Abad, e da directora da Amtega, Mar Pereira, no acto participaron o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, e o reitor da USC, Juan Viaño.