Xesús Vázquez Abad visita o novo CEIP de Sigüeiro (Oroso) que comeza a funcionar este curso e no que a Consellería de Educación investiu máis de 4,8 millóns de euros

O conselleiro de Cultura e Educación salientou que o novo colexio exemplifica a aposta do Goberno da Xunta “por unha educación pública e de calidade”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva investidos máis de 73,8 millóns de euros en obras de construción e ampliación en 31 centros educativos no período 2009-2014

O novo centro escolar de Sigüeiro arrancará con tres aulas de infantil e seis de primaria neste curso, aínda que está dimensionado para 450 alumnos e seis aulas de infantil e doce de primaria cando as necesidades de matrícula así o esixan

Ven, 22/08/2014 - 13:11
Xesús Vázquez Abad visita o novo CEIP de Sigüeiro (Oroso)
Xesús Vázquez Abad visita o novo CEIP de Sigüeiro (Oroso) que comeza a funcionar este curso e no que a Consellería de Educación investiu máis de 4,8 millóns de euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, realizou esta mañá unha visita ao novo CEIP de Sigüeiro (no concello de Oroso), que comezará a funcionar neste curso 2014-2015. Durante o percorrido polas instalacións estivo acompañado do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, e do alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

Segundo anunciou o conselleiro, este centro xa está preparado para acoller aos seus novos alumnos e alumnas desde o primeiro día lectivo do curso que comeza en setembro. De feito, xa se está ultimando o equipamento das tres aulas de infantil e as seis aulas de primaria cos que arrancará o novo período escolar e tan só quedan pendentes algúns traballos de competencia municipal como as conexións coa rede de saneamento e as acometidas eléctricas e de gas.

Vázquez Abad subliñou que o novo CEIP “xa é unha realidade que representa o compromiso da Xunta cunha vella demanda do Concello de Oroso”. O conselleiro de Cultura e Educación engadiu ademais que o investimento de máis de 4,8 millóns de euros que supuxo a construción no novo centro ratifica a aposta do Goberno galego “por unha educación pública e de calidade en Galicia”. “De feito -lembrou Vázquez Abad- nos últimos cinco anos levamos más de 73,8 millóns de euros investidos en obras de construción e ampliación en 31 centros educativos”. Precisamente na actualidade están en construción o novo CEIP de Nós (Oleiros) e o CIF As Mercedes (Lugo) e en licitación os IES de Carral e Culleredo, o que supón un importe total de case 12 millóns de euros.

Características do centro

O colexio ocupa máis de cinco mil metros cadrados construídos, así como un pavillón de máis de mil metros cadrados. Aínda que este curso arranca con 3 aulas de infantil e 6 de primaria, o novo centro educativo está dimensionado para 450 alumnos e 18 aulas (seis de infantil e doce de primaria) cando as necesidades de matrícula así o esixan.

O edificio estrutúrase en dúas plantas e un semisoto, este último destinado ao aparcadoiro, servizos hixiénicos e almacén. No primeiro andar se situará a zona administrativa e unha gran sala de usos múltiples que está situada ao lado do ximnasio o que permitirá ter un amplo espazo de 280 metroscadrados. Ademais nesta planta están as aulas de educación infantil e o comedor, así como outras instalacións e servizos xerais. No segundo andar ubícanse as aulas de primaria, e as de recursos especiais, e música. Ademais, están as de informática e a biblioteca, que poden unirse dando paso a un aula única de máis de cen metros cadrados.

Servizo de comedor

Doutra banda cómpre salientar que, previo a esta visita, o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, mantivo unha xuntanza con representantes da Anpa do novo colexio na que lle comunicaron que os pais e nais están valorando asumir a xestión do comedor escolar. A Consellería amosou a disposición a colaborar na autorización das instalacións, no seu equipamento e na posibilidade de obter subvencións.

A pesares dese anuncio, a Consellería teñen reiterado ata en dúas ocasións ao Concello de Oroso a posibilidade dunha xestión municipal que permitiría obter unha relevante subvención do importe do menú que se financiaría pola Xunta ao igual que acontece en moitos concellos de Galicia.