Preto de 1.000 persoas obtiveron o certificado de lingua galega na última convocatoria de probas da Xunta de Galicia
Segundo as listaxes provisionais, 151 dos aprobados correspóndense co Celga 1, 317 superaron as probas do Celga 2 e nos niveis superiores, o Celga 3 e o Celga 4, foron 198 e 262 persoas as que realiza
Un total de 928 persoas conseguiron o Certificado de lingua galega nalgún dos catro niveis na última convocatoria das probas que convocou a Secretaría Xeral de Política Lingüística os pasados meses de outubro e novembro.
Atendendo aos catro niveis das probas Celga, os aprobados no Celga 1 foron un total de 151, mentres que no Celga 2 superaron con éxito os exames un total de 317 candidatos. Nos niveis máis avanzados, o Celga 3 e o Celga 4, o número de aptos ascendeu a 198 e 262, respectivamente. Tendo en conta os presentados ás probas de cada un dos niveis, as porcentaxes de aprobados foron do 77,44% no Celga 1, do 62,28% no Celga 2, do 46,59% no Celga 3 e do 33,59 no nivel máis avanzado, o Celga 4.
Probas en Europa e América
As probas desta última convocatoria desenvolvéronse en Galicia nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, así como noutros puntos de España e de Europa durante o mes de novembro; mentres que os exames realizados no continente americano tiveron lugar o pasado outubro.
Os resultados destas probas, que se recollen nas listaxes provisionais de aptos e non aptos que Política Lingüística vén de facer públicas, poden consultarse na páxina deste departamento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no enderezo www.xunta.es/linguagalega/probas_celga.
A avaliación das probas
Para a avaliación das probas Celga, Política Lingüística habilita persoal colaborador deste departamento, do que forman parte licenciados en Filoloxía Galega e en Filoloxía Hispánica na sección de galego-portugués. A súa función consiste na avaliación da parte oral e na corrección do exercicio escrito que conforman as probas. Para exercer como avaliadores das probas Celga, as persoas que xa contan co Curso de Formación de Profesorado de Galego deben realizar o Curso de Formación de Avaliadores Celga, a través do que se outorga un certificado de aptitude que acredita os participantes como examinadores.
O sistema de certificación da lingua galega
O Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas. Recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e fundaméntase nos contidos relacionados coas funcións comunicativas e mais nos coñecementos do código e lingua, cultura e sociedade. O departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén desenvolvendo os cursos preparatorios para superar as probas Celga desde decembro de 2007.