A Consellería de Cultura e Educación aposta polas ensinanzas artísticas coa implantación de 5 novas especialidades nos conservatorios superiores da Coruña e Vigo
Con esta ampliación de oferta dáse resposta ás demandas da comunidade educativa, permitindo novas opcións de continuar estudos superiores ao alumnado dos conservatorios profesionais
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria implantará o vindeiro curso 2014-2015 novas especialidades nos conservatorios superiores da Coruña e Vigo, confirmando así a súa aposta polas ensinanzas artísticas, no marco da reforma educativa promulgada coa Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).
Deste xeito, no CMUS Superior de Vigo comezarán a impartirse as especialidades de Musicoloxía histórica, Viola de gamba e Instrumentos de corda pulsada do Renacemento e do Barroco o que permitirá darlle continuidade aos estudos do alumnado que cursa as especialidades de Música antiga nos conservatorios profesionais.
Por outra banda, no CMUS Superior da Coruña implantaranse as especialidades de Dirección de orquestra, moi demandada pola comunidade educativa, e de Arpa, grazas á que as alumnas e alumnos deste instrumento nos conservatorios profesionais poderán dar un paso cara a un nivel máis nos seus estudos.
Con esta ampliación da oferta existente a Consellería pon de manifesto a súa vontade de seguir impulsando as ensinanzas artísticas superiores non universitarias. Neste sentido cómpre lembrar tamén que, no marco dos cambios que supón a LOMCE, o Ministerio de Cultura, Educación y Deporte vén de aprobar os proxectos de modificación do RD 1614/2009, do 26 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores, e do RD 1850/2009, do 4 de decembro, sobre expedición de títulos acadéimcos, e que inclúe tamén o suplemento europeo ao título das ensinanzas artísticas superiores. Desta forma queda completo o marco normativo que estrutura estes estudos.