A Consellería de Cultura e Educación suma máis de 73,8 millóns de euros en investimentos en obras en 31 centros educativos no período 2009/2014
O departamento educativo da Xunta de Galicia rematou xa as actuacións en 21 destes centros, por importe de preto de 50 millóns, e ten neste momento en execución ou licitación actuacións en 10 centros por outros máis de 25 millóns
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria suma máis de 73,8 millóns de euros en investimentos en obras de construción e ampliación en 31 centros educativos no período 2009/2014; un esforzo económico de gran importancia no contexto de crise económica, no que este tipo de actuacións se está a ver moi reducido en todas as Comunidades Autónomas.
Neste sentido cómpre salientar que neste período se construíron xa 5 centros totalmente novos, en concreto o CEIP de Arteixo, o IES do Milladoiro (Ames), o CEIP Amadeo Rodríguez Barroso (Ourense), o CEIP Xesús Golmar (Lalín) e o CEIP de Sigüeiro (Oroso) – que abrirá as súas portas en setembro, que xa por si mesmos suman un investimento en obras de máis de 25,1 millóns de euros. Ademais, neste momento está en construción o novo CEIP de Nós (Oleiros) e en licitación os IES de Carral e Culleredo, o que supón un importe total de case 12 millóns de euros.
Actuacións en execución ou licitación
Do investimento total de 73,8 millóns, máis de 25,6 millóns correspóndense coas obras que a Consellería ten neste momento en execución ou licitación en 10 centros educativos. Deles, o novo CEIP de Sigüeiro abrirá as súas portas o vindeiro mes de setembro, ao igual que a ampliación do CEIP Padre Feijoo (Allariz) e o novo aulario de infantil do CEIP Vales Vilamarín (Betanzos). Ademais xa está en construción o CEIP de Nós (Oleiros) - coa estrutura practicamente rematada e comenzando os labores de albanelería con tabiquería e fachadas- e mais os novos aularios dos CEIP Sada y sus Contornos e CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña). Ademais, xa se publicou a licitación, no DOG do 30 de xullo, tal e como se comprometera, dos IES de Carral e de Culleredo.
No caso das obras de ampliación do CIFP As Mercedes, xa comezaron os traballos da previos parao inicio das obras neste mesmo mes de agosto, e está previsto licitar a segunda antes de que remate o ano. Así mesmo está previsto publicar neste mesmo ano a licitación das obras para a ampliación do aulario de infantil do CEIP Otero Pedrayo (A Laracha).
Actuacións xa rematadas
O departamento educativo da Xunta de Galicia ten rematadas ademais as actuacións en 21 centros por importe de preto de 50 millóns, en concreto de 48,2. Na provincia da Coruña, a maiores dos dous novos centros CEIP Arteixo e IES Milladoiro, están rematadas as obras no CEIP Ramón Cabanillas (Santiago), o CEIP Os Muiños (Muxía), o CEIP Zalaeta (Coruña), o CEIP A Igrexa-Calo (Teo), o CEIP Bergantiños (Carballo) e o CEIP de Ventín.
No que respecta aos centros pontevedreses, realizáronse melloras no CEIP A Pedra (Bueu), no CEE Saladino Cortizo (Vigo), no CEIP Antonio Palacios (O Porriño), o CEIP Virxe do Rocío (Vigo), no CEIP F. Bouza Brei (Ponteareas) e no CEIP Pérez Viondi (A Estrada). Do mesmo xeito, desenvolvéronse xa dúas das tres fases das obras previstas para a reforma integral do CEIP Froebel (Pontevedra).
No referido á provincia de Ourense construíuse un novo edificio para o CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, e desenvolvéronse importantes actuacións de mellora e ampliación no CEIP Chamoso Lamas (Carballiño), no CEIP Otero Pedraio (Ourense).
No caso da provincia de Lugo, o departamento educativo da Xunta de Galicia realizou actuacións no CEIP Monterroso, e executou os traballos de reforma, adaptación e mellora de espazos e elementos construtivos do IES Dionisio Gamallo Fierros (Ribadeo).