Política Lingüística organiza cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega dirixidos ao funcionariado do estado en Galicia

Con esta oferta formativa, a secretaría xeral busca promover a competencia en lingua galega dos profesionais ao servizo das administracións

Lun, 02/08/2010 - 12:46

A Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta polo fomento da competencia en galego do persoal das administracións públicas. Con este fin, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo promoverá a realización dun total de 11 cursos dirixidos ao funcionariado da Administración xeral do Estado que presta servizo en Galicia.

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo organizará estas actividades formativas en galego durante este ano. Farao en colaboración co Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), organismo que ten atribuída a competencia en materia de formación do persoal da Administración xeral do Estado.

Os cursos contarán cunha participación mínima de 260 alumnos e alumnas e suporán a impartición dunhas 760 horas lectivas.

Formación en galego dos profesionais ao servizo das administracións

A Secretaría Xeral de Política Lingüística está a promover unha importante oferta formativa específica en galego dirixida ao funcionariado das distintas administracións. Durante este ano, ademais do INAP, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo está a organizar cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega a través da Escola Galega de Administración Pública, das escolas oficiais de idiomas e mais da Dirección Xeral de Xustiza.

Menús News node R