A Consellería de Cultura e Educación pon a disposición da comunidade educativa a orde pola que se regula a implantación a LOMCE en primeiro, terceiro e quinto de primaria no curso 2014-2015

O texto desta orde publicarase en datas próximas no Diario Oficial de Galicia

Xov, 31/07/2014 - 18:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon hoxe a través do seu web a disposición de toda comunidade educativa a orde pola que se regula a implantación para o curso 2014-2015 dos cursos primeiro, terceiro e quinto de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o calendario de aplicación da Lei Orgánica 8/2013, para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Esta orde, como se indica no seu título, aporta un currículo de Educación Primaria dos cursos que se implantan no ano escolas 2014-2015, é dicir, de primeiro, terceiro e quinto.

O currículo que dispón a orde corresponde co currículo que se regula no Decreto polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, que está en proceso de tramitación no Consello Consultivo de Galicia e estará no DOG en datas próximas.

A través deste texto a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fomenta a calidade, a equidade e a inclusión educativa das persoas con discapacidade; a igualdade de oportunidades e a non-discriminación; así como a accesibilidade para a totalidade do alumnado.

Metodoloxía

Na orde faise unha aposta clara por un ensino e unha aprendizaxe competencial, en sintonía coa recomendación 2006/962/EC do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro de 2006, pola que establecen as competencias clave nos sistemas educativos europeos, polo que se incorporan, entre outras cousas, os estándares de aprendizaxe que permiten facer de ponte entre os criterios de avaliación e as competencias clave.

Co obxecto de incidir no enfoque competencial, faise unha concreción na que se relacionan todos os elementos do currículo: obxectivos, contidos, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe e competencias clave. Este enfoque de traballo, que reforza a autonomía pedagóxica dos centros e do profesorado, facilitará a elaboración das programacións didácticas e a coordinación do profesorado.

Áreas

En liña co anterior, faise especial fincapé na adquisición das competencias en comunicación lingüística, matemática e en ciencias e tecnoloxía. Apóstase polo equilibrio lingüístico, no que a lingua e literatura galega e a lingua e literatura castelá terán o mesmo peso e tratamento, ademais de consolidarse a aposta pola aprendizaxe en linguas estranxeiras, en equilibrio coas linguas cooficiais.

No que atinxe á distribución das áreas, que se regulan segundo a agrupación establecida como básica polo Estado, diferéncianse disciplinas troncais, específicas e de libre configuración autonómica, en función da distribución de competencias que, sobre as mesmas, teñen as administracións públicas e os centros.

No caso de Galicia apóstase pola estabilidade e equilibrio nas ensinanzas. Deste xeito, ademais das disciplinas troncais -Ciencias da Natureza, Ciencias Sociais, Lingua Castelá e Literatura, Matemáticas e Lingua Inglesa-, o alumnado debe cursar as áreas de Educación Física, Educación Artística e Relixión ou Valores Sociais -esta última a elección de pais e nais-. Ademais, como xa se indicou, Lingua Galega e Literatura, co mesmo tratamento que Lingua Castelá e Literatura.

Os currículos incluídos nesta orde incorporan elementos transversais relacionados co desenvolvemento sostible e o medio ambiente: a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a orientación, o espírito emprendedor, os hábitos de vida saudable e o exercicio físico, a seguridade viaria e todos aqueles valores inherentes ao principio de igualdade de trato e non-discriminación por calquera condición ou circunstancia persoal ou social ou por razón de orientación sexual ou identidade de xénero.

Nova distribución horaria

A nova distribución do horario lectivo de Primaria proposto pola Consellería reforza o tempo lectivo da materia de Matemáticas, con 2 horas más, unha en 5º curso e outra en 6º curso; co fin de mellorar os resultados que reflicten informes como o PISA nunha materia que é, ademais, fundamental no paso á ESO. Así mesmo, proponse o establecemento de dúas horas de libre configuración - unha en cuarto e outra en sexto- que cada centro, dentro da súa autonomía e dando voz ao Claustro e ao Consello Escolar, poderá dedicar á ampliación e reforzo de calquera das materias que se enmarquen no seu proxecto educativo. O obxectivo é reforzar a autonomía dos centros co fin de que cada un poda dedicar estas horas de libre configuración ás materias nas que máis o necesiten: máis linguas, máis música, máis ciencias; adecuando o ensino ás características particulares do seu alumnado e nos resultados das súas avaliacións.

Esta nova distribución horaria ten como obxectivo favorecer a autonomía dos centros e busca  a mellora dos resultados e a excelencia educativa, apoiándose ademais nun amplo cambio metodolóxico cara a un modelo no que prime a transversalidade e a aprendizaxe integrada.