Preto de cen estudantes rematan en Santiago e na Coruña os cursos de verán de galego para estranxeiros desenvoltos durante este mes co apoio de Cultura e Educación

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na clausura do organizado en colaboración coa Real Academia Galega e co Instituto da Lingua Galega, no que participaron case 70 alumnos e alumnas procedentes de 22 países diferentes

Outros 20 iniciaron ou completaron esta formación en galego nos organizados pola Universidade da Coruña, que tamén conclúen hoxe

Xov, 24/07/2014 - 12:49
O secretario xeral de Política Lingüística
O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na clausura do organizado en colaboración coa Real Academia Galega e co Instituto da Lingua Galega, no que participaron case 70 alumnos e alumnas procedentes de 22 países diferentes

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, clausurou esta mañá os cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras que se desenvolveron na capital de Galicia durante este mes, co apoio do departamento que dirixe o conselleiro Vázquez Abad, e nos que participaron preto de 70 estudantes chegados de 22 países diferentes.

O secretario xeral salientou durante a súa intervención a importancia da proxección exterior da lingua e da cultura galegas e animounos a seguir a súa aprendizaxe do galego e o seu contacto con Galicia desde os seus lugares de orixe para así contribuír á difusión internacional, á investigación e ao prestixio social da cultura e do idioma propios.  

Na clausura, que tivo lugar na na Facultade de Filosofía, participaron canda García Gómez o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; o vicerreitor de Internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Carlos Alberto Salgado López; o secretario do Instituto da Lingua Galega, Xulio C. Sousa Fernández; e o director dos cursos, Xosé Luís Regueira Fernández.

Amplo programa de actividades durante todo o mes

Os cursos coorganizados pola RAG, polo ILG e pola Xunta de Galicia chegaron este ano á súa XXVII edición cun amplo programa de actividades docentes e complementarias que se desenvolveron durante o mes de xuño, nas que participaron os case 70 alumnos e alumnas chegados de 22 países diferentes –desde Estados Unidos a Rusia e desde Brasil a Arabia Saudí-. Moitos deles, cursan lingua, literatura ou cultura galegas nas universidades adscritas á Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia.

Así, do 3 de xullo ata hoxe, o programa dos cursos ofreceu clases teóricas e prácticas de lingua, literatura e lingüística, ademais de conferencias nas que o alumnado tivo oportunidade de coñecer de primeira man moitos especialistas, artistas, autores e profesionais de referencia: Quico Cadaval, Xosé Manuel Pereiro, Belén Regueira, Xosé Ramón Barreiro, Agustín Fernández Paz, Xesús Alonso Montero, Xabier Díaz, Henrique Monteagudo, Manuel González, Luís Iglesia, Francisco Fernández Rei e Manuel Gago.

Outras actividades complementarias desenvoltas en Santiago foron as contadas de María da Pontragha e o recital de poesía de Anxo Angueira, Dores Tembrás, Elvira Riveiro, Estívaliz Espinosa e O Leo na Gramola; a visita a San Domingos de Bonaval; e mais o concerto da Escola Cantigas e Agarimos na Casa das Crechas. Os cursos incluíron tamén xornadas de inmersión lingüística e cultural nas que o alumnado puido coñecer lugares emblemáticos da nosa comunidade como Fisterra, Borneiro ou Carnota.

Estreita colaboración institucional para garantir a oferta de cursos de verán

A consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad vén organizando cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras en colaboración coa RAG e co ILG (USC) e mais coa UDC. Mercé a esta colaboración, case un cento de alumnos e alumnas procedentes de 25 países diferentes chegaron no mes de xullo a Galicia para mergullarse na lingua e na cultura do país.

Tamén hoxe remataron os organizados pola Universidade da Coruña en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, que contaron nesta edición con case unha vintena de alumnos e alumnas.

Menús News node R

Colectivo