Cultura e Educación concede máis de 1,4 millóns de euros en dúas convocatorias de bolsas para a mobilidade do alumnado universitario e para a mellora da súa formación en idiomas

A Consellería acaba de publicar a resolución definitiva das axudas complementarias do programa Erasmus, que chegarán a 1.289 persoas

Así mesmo resolveuse a convocatoria pola que se concederán 113 bolsas para que os estudantes do SUG melloren o seu coñecemento de idiomas en estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2014

As resolucións definitivas destas convocatorias do departamento educativo da Xunta de Galicia poden consultarse xa no Diario Oficial de Galicia

Sáb, 26/07/2014 - 10:45
Cultura e Educación concede máis de 1,4 millóns de euros en dúas convocatorias d
Cultura e Educación concede máis de 1,4 millóns de euros en dúas convocatorias de bolsas para a mobilidade do alumnado universitario e para a mellora da súa formación en idiomas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de conceder un total de 1.289 axudas complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario de mobilidade Erasmus e Suíza, para o estudantado que participou nesta acción no curso académico 2013/2014; así como outras 113 bolsas adicionais para que o alumnado universitario poda mellorar o seu coñecemento de idiomas en estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2014. As resolucións definitivas destas convocatorias do departamento educativo da Xunta de Galicia poden consultarse xa no Diario Oficial de Galicia do pasado mércores.

As dúas liñas de axudas supoñen un investimento total por parte do departamento educativo da Xunta de Galicia. De feito, cómpre sinalar que a Consellería mantivo este ano un orzamento de 1.300.000 euros para a convocatoria de Erasmus – que fora incrementada nun 30% no ano 2013- e 124.300 para a de aprendizaxe de linguas no estranxeiro, tamén do mesmo importe ca no ano anterior.

Erasmus

Todos os beneficiados pola axuda complementaria do programa Erasmus recibirán un mínimo fixo de 80 euros mensuais –un 14,3% máis que no curso anterior- pola súa estadía no estranxeiro, ata un máximo de 9 meses.  Ademais, a Consellería recoñece nesta convocatoria a excelencia académica cunha achega adicional – nunha única entrega- de 500 euros para os mellores expedientes. Un total de 871 bolseiros accederon a esta contía adicional, para a que a nota de corte do expediente académico quedou nun 6,29. Todo o alumnado que superou esta media recibe esa achega de excelencia académica.

Por universidades, 480 beneficiarios estudan na Universidade de Santiago de Compostela, 367 na da Coruña, 439 na UVigo e 3 na UNED. No que atinxe aos países de destino, o máis representativo é Italia, con 263 bolseiros, seguido de Polonia (212), Portugal (142), Francia (95), Reino Unido (83) e Alemaña (81).

Estas accións son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral e de mobilidade para estudantes universitarios convocadas polo Ministerio de Educación e coas axudas que para este fin destina a Unión Europea, no marco do Programa de aprendizaxe permanente. Como accións complementarias que son, cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter estatal e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do Ministerio.

Segunda lingua

O obxectivo das axudas para mellorar o coñecemento de idiomas en estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán teñen como obxectivo facilitar a igualdade de oportunidades de todo o estudantado para acadar a excelencia na súa competencia de dominio de linguas estranxeiras, así como estimular a mobilidade dos universitarios galegos. Neste sentido cómpre lembrar que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior(EEES) esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a capacidade de estudo e traballo.

Por universidades, 50 dos beneficiarios estudan na Universidade de Santiago de Compostela, 20 na Universidade da Coruña, e 43 na Universidade de Vigo. Os países de destino polo que maioritariamente optaron para ir a cursar un curso de idiomas foron Reino Unido (46), Irlanda (21), Malta (20), Alemaña (9), Francia (9), Italia (6), Portugal (1) e Bélxica (1).

Desde o seu inicio no curso académico 1990-1991 ata o ano 2013, 2.297 universitarios do SUG beneficiáronse destas “bolsas de 2ª lingua”.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza