O conselleiro de Educación comprobou as melloras en infraestucturas na provincia da Coruña cun investimento superior aos 26 millóns de euros
Xesús Vázquez Abad mantivo un encontro co delegado territorial, Diego Calvo, e con responsables dos equipos directivos e técnicos da provincia para coñecer de primeira man as necesidades educativas da provincia de cara ao vindeiro curso
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, continúa coas visitas que está realizar a colexios e institutos das catro provincias galegas, ocasión na que está tamén a manter conversas cos representantes da xunta, equipos técnicos e equipos directivos académicos para coñecer as necesidades dos centros educativos de cara ao vindeiro curso.
Deste xeito, hoxe a primeira hora da mañá, Vázquez Abad e o secretario xeral da Consellería de Educación, Jesús Oitavén Barcala, reuníronse co delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo na cidade herculina para analizar a evolución das reformas realizadas nos colexios e institutos da provincia, así como a previsión de obras futuras.
Durante as visitas a centros da provincia tanto o conselleiro como o secretario xeral escoitaron aos representantes da Xunta na Coruña que lles fixeron participes das as necesidades educativas que teñen os distintos centros, co fin de procurarlles resposta de cara ao vindeiro curso.
Visitas as novas instalacións de Arteixo
Ao longo da mañá Vázquez Abad desprazouse ata o novo CEIP de Arteixo que desde o vindeiro curso acollerá a preto de 675 escolares distribuídos en nove aulas de infantil e 18 de primaria. O conselleiro, acompañado polo secretario xeral, o equipo da consellería de Construcións e equipamentos, o delegado territorial, a unidade técnica, así como diversas autoridades locais, visitaron xunto ao director do centro, José Luis Fernández Pardo, as instalacións que comezarán a funcionar o vindeiro curso escolar e que tiveron un custe superior aos 4,5 millóns de euros. Unha obra que demostra, tal e como recordou Vázquez Abad: “o interese da Xunta pola educación dos estudantes en Galicia en todos os sentidos, tanto a nivel de infraestructuras como de persoal. Así a pesares da crise continuamos facendo gala dunha boa xestión e favorecendo ao alumnado”.
Grazas á creación deste CEIP, a Consellería de Educación facilita a reorganización da escolarización do centro urbano do concello de Arteixo, configurando unha nova rede de centros na área. O considerable aumento da poboación en idade escolar que experimentou esta zona nos últimos anos supuxo a sobrecarga do centro existente, o CEIP Ponte dos Brozos, que estaba a acoller a todo o alumnado da súa área de influencia. A desagregación deste espazo educativo permitirá desconxestionar o colexio Ponte dos Brozos, quedando garantida a calidade do ensino en ambos os dous centros educativos.
Melloras nos centros da provincia
Antes de visitar o novo recinto escolar o conselleiro percorreu as instalacións do CEIP Montel Touzet onde se investirán preto de 300.000 euros na reparación da cuberta e os falso teitos. Unhas obras de mellora que serán a continuación das desenvolvidas ao longo deste curso e que afectaban a carpenteria exterior do edificio. Tal e como comprobou o conselleiro, acompañado polo director do centro, Ángel López Anca, as reformas beneficiarán aos 165 estudantes que ten o CEIP.
Para rematar a xornada o conselleiro e todos os implicados nas melloras das infraestruturas en centros educativos estiveron a comprobar a evolución das obras de mellora que se están desenvolvendo no CPI de San Sadurniño. Neste espazo o investimento superior aos 200.000 euros estase a traballar para mellorar o sistema de accesibilidades, reposición dos materiais aislantes en paredes e teitos do centro e do pavillón, así como mellora do sistema de iluminación, que beneficiará a preto de 300 estudantes. Xunto ao director do centro Juan José Guillin Fraga o conselleiro sinalou que “confiamos en que as obras estean rematadas para comezos do curso que ven”.
Tras comprobar satisfeito a evolución dos traballos, Vázquez Abad explicou que estas obras son unha mostra máis do compromiso da Consellería de Educación cos colexios e institutos galegos, o que redunda nunha maior calidade do ensino na Comunidade. Para isto, a Xunta de Galicia destinou xa neste ano 2010 máis de 26 millóns de euros á mellora dos centros escolares da provincia coruñesa. Na cidade de A Coruña, o investimento neste ano esta preto dos dous millóns de euros.
Ademais, o conselleiro destacou o esforzo que a Administración autonómica está a facer para manter o benestar da comunidade escolar, “especialmente nestes tempos de crise, nos que só unha xestión eficiente dos recursos públicos pode conseguir sacar adiante os obxectivos sociais da cidadanía, como é o de mellorar o sistema educativo”. Vázquez Abad explicou ademais que esta visita a A Coruña e poboacións próximas serviu para coñecer as necesidade educativas dos centros da provincia de cara ao próximo curso escolar.