Cultura e Educación aclara que a sentenza do Tribunal Supremo respecto dos concertos educativos, ademais de referirse a un período xa pechado, enmárcase nun contexto normativo superado

No curso 13/14 a Consellería non concertou as unidades de 1º de Primaria e ESO destes colexios, anticipándose á sentenza do TS

A LOMCE dá cobertura legal ao sostemento con fondos públicos dos centros de educación diferenciada por sexos

Lun, 07/07/2014 - 19:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere aclarar que a sentenza dada a coñecer hoxe polo Tribunal Supremo (TS) respecto dos concertos educativos se refire a un período xa pechado, o do 2009/2013, e se apoia nun contexto normativo superado tras a aprobación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa.

Neste sentido cómpre sinalar que a LOMCE dá cobertura legal ao sostemento con fondos públicos dos centros con educación diferenciada por sexos, logo da modificación realizada no artigo 84.3, afirmando que “non constitúe discriminación a admisión de alumnos  alumnas ou a organización da ensinanza diferenciadas por sexos, sempre que a ensinanza que impartan se desenvolva conforme ao disposto no artigo 2 da Convención relativa á loita contra as discriminacións na esfera da ensinanza, aprobada pola Conferencia Xeral da UNESCO no 14 de decembro de 1960”. Ademais, mesmo a súa disposición transitoria segunda di que “os centros privados aos que no 2013 se lles teña denegadoa  renovación do concerto educativo ou reducido as unidades escolares concertadas polo único motivo de ofrecer educación diferenciada por sexos poderán solicitar que se lles aplique o indicado no artigo 84.3 desta Lei Orgánica”.

A Consellería de Cultura e Educación decidiu, ademais, non concertar no curso 13/14 as unidades de 1º de educación primaria ou secundaria dos colexios que en Galicia teñen esas características, anticipándose así á sentenza agora ditada polo TS, tendo en conta a sentenza de 13 de marzo de 2013 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).