A Consellería de Cultura e Educación participa na entrega de premios do XIV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC
Os traballos galardoados polo xurado, no que participou o secretario xeral de Universidades foron: ‘CELTAGA’ na categoría de Empresa de Base Tecnolóxica, ‘MD. Use’ como mellor Empresa Xove e ‘CHEMANTEC’ no apartado de Muller Emprendedora
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria representada polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, que actuou como presidente do xurado, tomou parte hoxe na entrega de premios da décimo cuarta edición do Concurso de Proxectos Empresariais que impulsa a USC co obxectivo de apoiar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, titulados e investigadores de calquera das tres universidades galegas, así como dos centros asociados da Uned emprazados en Galicia.
No acto, que deu comezo ás 12.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome coa intervención do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela Juan Viaño, entregáronse os seguintes galardóns: na categoría de Base Tecnolóxica, levou o premio o proxecto ‘CELTAGA’; en Empresa Xove, ‘MD.Use’; e, por último, en Muller Emprendedora, ‘CHEMANTEC’. Os promotores da proposta distinguida na modalidade de empresa de base tecnolóxica, percibiron un premio de 2.000 euros ademais de ter a posibilidade de acadar ata 24.000 euros de financiamento a través dun préstamo participativo. Os premios Empresa Xove e Muller Emprendedora recibiron nesta edición cadansúa dotación económica de 2.000 euros.
Ademais do secretario xeral de Universidades e o reitor da USC, que presidiu a entrega, asistiron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; a subdirectora xeral de Xestión Técnico-Administrativa e Orzamentaria da Secretaría Xeral da Igualdade, María Fe Alvedro Riveiro; e o director do programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández Sande.
Na selección de premiados, o xurado valorou a viabilidade dos proxectos, o grao de innovación do producto, proceso ou servizo; o volume de emprego proxectado; o carácter multidisciplinar do equipo promotor, e a presenza de políticas de igualdade.