O conselleiro de Educación participa nun curso de verán da Universidade Complutense celebrado no Escorial, en Madrid
Xesús Vázquez Abad interveu na mesa redonda ‘Liberdade de elección nun estado moderno’
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad participou esta tarde no curso de verán 2010 que a Universidade Complutense de Madrid organiza no Escorial baixo o nome de ‘Política públicas para a liberdade e o progreso’. As actividades, que comezaron hoxe pola mañá, rematarán o vindeiro venres 30 de xullo.
Vázquez Abad participou na mesa redonda ‘Liberdade de elección nun estado moderno’, xunto ao presidente do Partido Popular en Navarra, Santiago Cervera e a periodista Curri Valenzuela, todos eles moderados por Ana Torme.
Durante a súa intervención o conselleiro dixo que “a política educativa vai encamiñada a garantir a liberdade de elección, algo que desde a Consellería de Educación temos moi presente e que nos parece fundamental para un desenvolvemento positivo do sistema educativo”. O conselleiro recalcou a necesidade dun pacto pola educación que garanta, a nivel nacional, a elección dos pais na formación escolar dos seus fillos, respectando deste modo o artigo 27 da constitución española.
Un sistema plural e diverso
Noutro momento da súa intervención na mesa redonda, Vázquez Abad destacou a importancia de que os centros educativos teñan unha maior autonomía tanto na xestión como nos modelos pedagóxicos a seguir. Todo isto xunto a existencia de modelos de avaliación continúa e externa que contribúan a adquirir un sistema educativo de excelencia.
Asemade recalcou que “a Consellería temos marcados obxectivos básicos para lograr un sistema educativo de maior calidade e eficiencia. E en primeiro termo estamos dando os primeiros pasos a prol dunha Galicia plurilingüe”.
Os cursos do Escorial
Os curso de verán foron inaugurados hoxe pola mañá polo presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy Brey, coa conferencia ‘Poderes públicos, liberdade e progreso’.
Ao longo do día de hoxe tanto os relatorios como as mesas redondas xiraron en torno ao papel que deben ter os estados modernos na segunda década deste século, así como os riscos na intromisión nos espazos de liberdade dos cidadáns, e a capacidade para establecer as normas de convivencias que respeten ás minorías.
A xornada de mañá xirará en torno aos deberes e límites do Estado para os cidadáns, e como este debe ser unha garantía para os mesmos. O mércores, o día estará centrado en examinar cales son os retos globais do planeta, que exceden os límites fronteirizos dos diversos estados e como se poden afrontar desde a participación dos distintos estados nos organismos multilaterais.
O xoves os participantes realizarán unha análise sobre o rol que os poderes públicos teñen no modelo económico que xurde tras a crise xurdida no 2008, así como os posibles procesos de reformas modernizadoras. Para rematar, o venres farase unha rolda de conclusións finais tras cinco días curso en torno aos poderes públicos e o progreso.