Cultura e Educación oferta 30 prazas de colaboradores bolseiros nos Centros Residenciais Docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso 2014/2015
A convocatoria estará aberto ata o 31 de xullo e resolverase antes do 15 de setembro
A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca 30 prazas de bolseiros que colaborarán co persoal profesional dos Centros Residenciais Docentes da Coruña, Ourense e Vigo durante o curso académico 2014/2015 no desenvolvemento de tarefas e actividades relacionadas con accións formativas complementarias.
As 30 prazas ofertadas nesta convocatoria distribúense do seguinte xeito: 18 no Centro Residencial Docente da Coruña, 6 en Ourense e 6 no centro de Vigo. Estes 30 adxudicatarios poderán utilizar os servizos da residencia de forma gratuíta durante o período de funcionamento en que estea aberta aos residentes.
As persoas solicitantes desta convocatoria deberán estar matriculadas ou inscritas en estudos universitarios e ter unha dispoñibilidade horaria que lle permita realizar o devandito labor de apoio, e as finalmente seleccionadas non poderán realizar, mentres gocen da bolsa, ningún tipo de traballo remunerado.
Prazos de presentación
O prazo ordinario para a presentación de solicitudes rematará o 31 de xullo de 2014, sendo posible abrir un novo período extraordinario no caso de que non se cubran a totalidade das prazas ofertadas.
Antes do 31 de agosto de 2014 a comisión de valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do centro a relación de excluídos indicando a causa e a puntuación provisional así como a listaxe de adxudicatarios e suplentes. Ante esta publicación poderanse facer reclamacións no prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.
A relación definitiva de excluídos, indicando a causa, e a listaxe de puntuacións definitivas de todos os admitidos publicarase antes do 15 de setembro de 2014 no taboleiro de anuncios dos centros ou na páxina web.
Criterios de valoración
No proceso de selección dos candidatos a comisión de valoración que se constituirá en cada centro terá en conta a renda da unidade familiar, o rendemento académico e outros méritos como a experiencia derivada da participación en cursos e/ou actividades educativas ou o coñecemento de linguas estranxeiras ou de ofimática.