A Consellería de Cultura e Educación e o Concello de Silleda recoñecen o esforzo dos empresarios locais no uso do galego na súa actividade co I Premio de Normalización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto de entrega, tras o que a visitou a mostra ‘Silleda no s XIX’, coa que tamén colabora a Consellería e que ten recibido xa máis de 700 visitas

Mér, 02/07/2014 - 13:50
 O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto de entrega, tras
O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto de entrega, tras o que a visitou a mostra ‘Silleda no s XIX’, coa que tamén colabora a Consellería e que ten recibido xa máis de 700 visitas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Silleda acaban de recoñecer o esforzo dos empresarios do municipio no uso do galego na súa actividade comercial a través do I Premio de Normalización Lingüística, un certame no que tamén colaboraron o IES Pintor Colmeiro e a Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS). O obxectivo é estimular o uso por parte das empresas da localidade da lingua propia de Galicia, poñendo en valor tanto a tradición normalizadora daquelas que levan anos empregándoa como o traballo realizado recentemente por outras para incorporala ao seu día a día.

O galardoado nesta primeira edición do concurso de normalización lingüística, ao que puideron presentarse todos os establecementos do municipio, foi EMSE DESEÑO GRÁFICO, empresa creada hai catro anos. Para outorgar o premio o xurado valorou o uso do galego por parte do negocio co candidato tanto no trato, como na cartelería, na relación cos medios ou na publicidade.

No transcurso do acto fíxose tamén entrega das cartas de comidas en tres linguas – galego, castelán e inglés-  aos restaurantes González e Carballeira do Chousiño, no marco da proposta feira aos hostaleiros para introducir menús en diferentes linguas que faciliten a comunicación coa clientela, especialmente cos peregrinos nun concello polo que pasa a Vía da Prata, como é o caso de Silleda. En ambos os casos os menús foron elaborados e polos propios restauradores e corrixidos polo departamento de Turismo e polo equipo do IES Colmeiro.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, representou a Consellería neste acto, onde felicitou os organizadores pola iniciativa e á empresa premiada pola súa escolla da lingua propia de Galicia. “Debemos ser conscientes”, sinalou, “da importancia  do sector privado e do seu peso á hora de conseguir que a sociedade perciba o galego como un idioma útil e dinámico, de presente e de futuro; mais tamén do valor que a lingua galega lle achega a un negocio”. Neste sentido, García destacou que “a escolla do galego por parte dunha empresa non é en absoluto unha aposta arriscada, senón, máis ben, unha das claves do seu éxito, pois a cidadanía percíbeo como un valor”.

Na entrega do premio participaron ademais o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, a concelleira de Normalización Lingüística, Margarita Campos; o concelleiro de Comercio, Luis Rodríguez; Cibrán Arxibai e Helena González, profesores ambos os dous do IES Colmeiro; e Xesús Rodríguez, director do mesmo instituto.

Silleda no s. XIX

Tras a entrega do recoñecemento, o secretario xeral de Política Lingüística visitou a exposición ‘Silleda no s. XIX’, coa que colabora tamén a Consellería de Cultura e Educación e que ten recibido máis de 700 visitas desde a apertura de portas o pasado 7 de xuño. De entrada gratuíta, poderá visitarse ata o 13 de xullo na Casa da Cultura de Silleda.

A mostra, distribuída en 3 salas, é unha recompilación de pequenos tesouros gardados na súa maior parte de forma anónima por veciños e parroquias do que fora concello de Trasdeza a través dos que se pode seguir a evolución tanto da vida civil da localidade como da tradición relixiosa, especialmente no que atinxe á veneración da virxe da Saleta.

Entre as máis de 150 pezas que integran a exposición destacan algunhas como un dos tres exemplares coñecidos da placa elaborada en 1814 por Sargadelos e dedicada ao rei Fernando VII para conmemorar a loita do pobo madrileño contra o exército invasor francés no Parque de Monteleón o 2 de maio de 1808, ou un pendón pertencente ao Batallón dos Carlistas, conservados polo Pazo de Sestelo e a Casa Vista Alegre, respectivamente. Así mesmo, a sala civil garda numerosos documentos da administración municipal nos que se poden seguir feitos como o paso da localidade da provincia de Santiago á da Pontevedra ou observar a importancia da ordenación dos postos das feiras nun concello eminentemente rural no s XIX.

Na sala de arte sacra é salientable a riqueza e a nobreza dos materiais dos cálices, custodias, imaxes e cruces procesionais de entre os séculos XVII e XIX conservados nas diferentes parroquias da localidade,  sendo especialmente significativa pola súa antigüidade unha imaxe datada da Virxe do Leite, de finais do s XV. A mostra complétase cun percorrido pola orixe do primeiro culto á virxe da Saleta en España, xurdido hai 150 anos na parroquia de san Miguel de Siador. Nela pódense contemplar pezas como a que representa a aparición da propia virxe nos Alpes franceses, así como reliquias procedentes do santuario de La Salette e diferentes mantos doados á Saleta que representan a importancia desta tradición para o municipio no último século e medio. O secretario xeral de Política Lingüística valorou o traballo realizado polas diferentes institucións e veciños participantes na organización da exposición para reunir “unha mostra moi significativa do patrimonio social e cultural do concello, sabedores da importancia de coñecermos o noso pasado para construír con bases sólidas o noso futuro”. Valentín García destacou tamén o interese que as pezas da exposición están a espertar entre os visitantes grazas ao cal poderían xurdir colaboracións para a restauracións dalgunhas delas.

Comisariada por Alfredo Abeledo, ‘Silleda no s XIX’ contou coa colaboración da Consellería, das parroquias do municipio e de diferentes establecementos, asociacións veciñais e culturais silledenses.

Menús News node R

Departamento

Colectivo