A Consellería de Educación interesase polos equipos adaptados para os usuarios do Centro de Recursos Educativos da ONCE
A dirección xeral de Educación e Formación Profesional visitou o Centro de Recursos Educativo da ONCE en Pontevedra
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través duns representantes da súa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, visitou hoxe o Centro de Recursos Educativo (CRE) en Pontevedra, co que se colabora a través do Convenio de Cooperación Educativa para a atención das persoas discapacitadas visuais.
Durante a visita ás instalacións do CRE, o director xeral de Educación, José Luis Mira, coñeceu todo o equipamento tiflotécnico (tecnoloxía adaptada para o aproveitamento dos discapacitados visuais) co que conta o centro. Os equipos mixtos contribúen na procura da normalización, inclusión e plena autonomía do alumnado con discapacidade visual, así como das súas familias. Ademais estivo no departamento de transcrición de libros de texto en tinta ao sistema braille, desde o que se atenden as demandas dos diferentes centros de Galicia.
Apoio ao alumnado
Froito do Convenio de Cooperación Educativa da ONCE e Educación é posible a existencia de equipos mixtos provinciais que suman un total de 20 mestres en Galicia, dos cales 14 son aportados pola ONCE e 6 pola Consellería. Os equipos apoian ao alumnado con discapacidade visual escolarizado en educación primaria e en 1º e 2º de secundaria, tanto en centros ordinarios como de ensinanza especial.
A Consellería amosa así o seu compromiso coa ONCE de garantir a atención das necesidades das persoas con discapacidade visual, asegurando a súa formación, integración educativa e inserción na sociedade.