Cultura e Educación e a Fundación Antonio Fraguas fan públicos os gañadores da IX edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, representou a Consellería no acto celebrado no Museo do Pobo Galego

Os centros galardoados foron o CEIP O Pombal de Vigo e o IES Pintor Colmeiro de Silleda

Esta iniciativa da Fundación Antonio Fraguas coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación busca favorecer o achegamento dos escolares ao patrimonio cultural e lingüístico galego

Ven, 27/06/2014 - 19:15
 Cultura e Educación e a Fundación Antonio Fraguas fan públicos os gañadores da
Cultura e Educación e a Fundación Antonio Fraguas fan públicos os gañadores da IX edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

O secretario xeral de Política Lingüística, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participou hoxe na reunión do Padroado da Fundación Antonio Fraguas  que se celebrou ás 12:00 h da mañá no Museo do Pobo Galego e no acto posterior en que se fixeron públicos os nomes dos centros educativos gañadores do IX Proxecto Didáctico Antonio Fraguas.

Valentín García, en consonancia co xurado que outorgou os premios, destacou o traballo lingüístico realizado polos centros galardoados. Do CEIP O Pombal, de Vigo, gañador na categoría de educación primaria, gabou o esforzo de regaleguización do alumnado mediante un proxecto didáctico multidisciplinar e do IES Pintor Colmeiro, de Silleda, a pescuda feita arredor da microtoponimia como fonte de coñecemento do propio territorio.

Investigación arredor do patrimonio lingüístico e cultural

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, promovido pola fundación do mesmo nome e apoiado pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten a finalidade de achegar os estudantes ao patrimonio lingüístico e cultural galego.

A esta IX edición presentáronse 8 proxectos doutros tantos centros educativos de primaria e de secundaria. Na modalidade de educación primaria resultou gañador o CEIP O Pombal, de Vigo, polo traballo “Lavadores. Pasado e presente da nosa parroquia”. Na modalidade de secundaria o galardón recaeu no IES Pintor Colmeiro, de Silleda, polo proxecto titulado “A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda”. O xurado quixo destacar tamén o bo facer do CPI Bembibre, do Val do Dubra, a cuxa comunidade educativa animou a continuar na mesma liña de participación en próximas convocatorias.

Os premios están dotados con 7000 euros cada un que se destinarán a materializar os proxectos gañadores durante o vindeiro curso escolar 2013-2014 en colaboración co Museo do Pobo Galego, que acollerá as dúas exposicións resultantes do traballo desenvolto ao longo do próximo ano académico.

Menús News node R