O Tribunal de Xustiza de Galicia avala a legalidade do decreto de comedores escolares ao desestimar o recurso de FOANPAS

O alto Tribunal considera que os defectos de forma e os motivos de fondo alegados por dúas Federación de Nais e Pais, de Vigo e Cangas, non teñen sustento legal

O ex secretario xeral dos socialistas galegos acusara á Xunta de incumprir unha lei orgánica de educación que determinaba “claramente” que os alumnos que utilizaran o transporte escolar non tiñan que pagar o comedor con independencia da súa renda

Ven, 27/06/2014 - 12:12

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de dictar unha sentenza que avala a legalidade do decreto de comedores dos centros docentes públicos non universitarios, aprobado e posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao desestimar o recurso presentado pola Federación olívica de Asociación de pais de alumnos (FOANPAS) e a Federación de ANPAS A Gameliña de Cangas que pretendía impugnar a devandita norma, a 132/2013 de 1 de agosto, pola que se regulan os comedores escolares.

A Consellería quere manifestar a súa satisfacción con esta sentenza, que tan só é susceptible de recurso de casación, xa que en todo momento defendeu que o texto do decreto era axustado a dereito. O contido do fallo –que condena aos recorrentes a pagar as costas-vén a rexeitar os cualificativos de ilegalidade efectuados polos grupos políticos da oposición no Parlamento de Galicia e polos sindicatos, cando se procedeu á aprobación do decreto. Ademais, o TSXG deixa sen argumentos as afirmacións efectuadas polo ex secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, que cualificou de ilegal ao decreto de comedores baseándose no artigo 27 da Constitución e no 82 da LOE.

Idoneidade informativa do portal

A sala do contencioso administrativo do TSXG considera que a publicación na web da Consellería do texto do decreto como trámite de exposición pública “é adecuada á natureza do procedemento, idónea en canto se ofrece á comunidade educativa aceso o expediente e non ten xerado indefensión á parte recorrente”. Así mesmo a sentenza engade que “o portal da Consellería é idóneo para divulgar a información sen que se atope indicio ou proba algunha de que a información aquí cuestionada se tivese ofrecido de forma escura, oculta ou disfrazada”. Da mesma forma, o Tribunal emprega idéntica descualificación para rexeitar as alegacións das federacións no que atinxe á ausencia dos informes preceptivos ou á falta de razóns debidamente motivadas para reducir o prazo de exposición pública a sete días.

No referente aos motivos de fondo, en concreto fronte á alegación da Confederación de ANPAS respecto da posible vulneración do principio de igualdade de oportunidades no acceso á educación dos escolares do mundo rural, a sentenza deixa claro que os recorrentes fan neste sentido unha interpretación incorrecta do artigo 82 da Lei Orgánica de Educación (LOE). Así, o Tribunal conclúe que “neste particular non hai conculcación de igualdade constitucional, xa que o dereito á gratuidade o comedor se vincula os de renda, o que concilia os principios de igualdade cos de eficiencia e proporcionalidade”; conclusión á que chega tendo en conta que a literalidade e lóxica aplicativa do punto 2 do devandito artigo 82 priva de soporte a un posible dereito dimanante, de forma automática e universal, á gratuidade do servizo de comedor.

Prezos públicos acaídos

Por último, e ademais doutras consideracións, a sentenza refírese ás impugnacións das asociacións que cuestionaban as contías fixadas como prezos públicos polo servizo de comedor e cualificaban de desproporcionado o prezo máximo do menú de 4,5 euros, considerando o fallo xudicial que “esta impugnación non pode acollerse en primeiro lugar porque compara magnitudes e situacións distintas, como son as propias de contratos privados con prezos propios de contratos do sector público...; e en segundo lugar, porque máis aló da leve diferenza entre os prezos comparados o relevante é ofrecer unha análise cuantificada e fundada que demostre o elevado ou desproporcionado custe do servizo de comedor”, o que proba que a Asociación demandante non realizou esta análise.