A Consellería de Cultura e Educación participa no acto de entrega de premios da XX edición dos ‘Lois Peña Novo’

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu á cerimonia co que a Fundación Lois Peña Novo recoñece os esforzos a prol da lingua galega de persoas ou entidades relacionadas coas administracións públicas

Nesta XX edición, os galardóns recaeron no catedrático de Física aplicada Jorge Mira, na maxistrada Dalila Dopazo e no Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Xov, 26/06/2014 - 20:30
 A Consellería de Cultura e Educación participa no acto de entrega de premios da
A Consellería de Cultura e Educación participa no acto de entrega de premios da XX edición dos ‘Lois Peña Novo’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou este serán en Soutomaior no acto de entrega da vixésima edición dos Premios Lois Peña Novo. Fíxoo por medio do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen gabou o labor a prol da promoción do galego levado a cabo polos tres premiados. Os galardoados foron Jorge Mira Pérez, catedrático de Física aplicada da USC, pola incorporación da lingua galega na docencia universitaria e na divulgación científica; en Dalila Dopazo Blanco, maxistrada do Xulgado do Social nº 3 de Lugo e especialista en dereito civil galego, pola súa traxectoria de defensa permanente da lingua no eido xudicial, e mais no Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, pola aposta que está facendo pola utilización do galego como lingua habitual das súas comunicacións internas e externas, así como da organización e desenvolvemento da formación continua dos colexiados.

“Jorge Mira, no desenvolvemento do seu traballo profesional no ámbito da docencia e da investigación universitarias mantén desde hai moitos anos - dixo o secretario xeral-  unha actitude de compromiso coa sociedade e a lingua galegas e comparte os seus múltiples saberes coa intención de construír unha sociedade máis culta, informada e libre. Realiza este loable labor valéndose dunha lingua que, estando tradicionalmente afastada dos ámbitos máis dinámicos da sociedade da información e do coñecemento”.

“En Dalila Dopazo –continuou Valentín García- conflúen dous temas ou lugares especialmente frecuentados e queridos: os dereitos lingüísticos e a igualdade de xénero e que, como é doado de percibir, camiñan da man, nomeadamente ao falar dos dereitos de realidades e persoas que procuran  un recoñecemento que fagan a nosa sociedade máis igual”.

Finalmente o responsable de política lingüística rematou subliñando que “O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia traballa a prol das persoas máis desfavorecidas e vulnerables da sociedade e, parellamente, do compromiso coa lingua galega, no marco dos principios de xustiza e lexitimidade”.

A canda o responsable de Política Lingüística, participaron no acto o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; a deputada provincial de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez; o alcalde do concello de Soutomaior, Agustín Reguera; o secretario da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, e o presidente da fundación Lois Peña Novo, Xosé González.

Premios en ciencia, xudicatura e traballo social

Nos seus vinte anos de traxectoria, os Premios Lois Peña Novo teñen recoñecido o traballo de persoas, institucións ou empresas que co seu labor cotián, estudos, publicacións etc. fan que a lingua galega se consolide no eido das administracións públicas, na vida institucional e na sociedade en xeral.

Desde 1995 foron distinguidos con este recoñecemento máis de 60 persoas, institucións ou empresas que contribúen, desde as súas respectivas actividades, ao avance do proceso de normalización lingüística do galego.

Menús News node R