O conselleiro de Cultura e Educación participa na entrega dos premios da segunda edición do programa ‘Atrévete Santiago’
O obxectivo do certame é difundir a cultura emprendedora entre os máis novos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na entrega dos premios da segunda edición do certame ‘Atrévete a ter unha idea’, enmarcado no programa ‘Atrévete Santiago’, no que a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre e o departamento educativo da Xunta de Galicia colaboran para promover o coñecemento ao alumnado a través do profesorado e do tecido industrial da súa contorna, e sensibilizar á comunidade educativa da importancia de construír e fomentar unha nova cultura emprendedora. No transcurso deste acto Vázquez Abad anunciou, ademais, unha nova edición do programa e do concurso para o vindeiro curso 2014/2015, co fin de continuar a estender entre os escolares a cultura do emprendemento como valor engadido no seu futuro profesional e persoal.
O certame ‘Atrévete a ter unha idea’ premia as mellores propostas emprendedoras do alumnado participante para a posta en marcha dun negocio. Neste curso participaron cinco centros de educación secundaria, o CPI de Bembibre e os IES do Milladoiro, o Plurilingüe de Ames, ademais de A Pontepedriña e Sar de Santiago, cun total de 331 alumnos. Na categoría de educación primaria os aspirantes foron 10 colexios, os CEIP Raiña Fabiola, Roxos, Plurilingüe Monte dos Postes, Fontiñas, ademais do Apostolo Santiago, Pío XII, Plurilingüe Cardenal Quiroga Palacios e A Maía; e os CPR Plurilíngüe Compañía de María e La Milagrosa.
Nesta edición resultaron galardoados, na modalidade de sexto de primaria, Sara Ansede Vilas, do CEIP de Roxos; e Ninfa Inés Riveiro Cores, do CEIP Raiña Fabiola. Mentres que os premiados de segundo de Educación Secundaria Obrigatoria foron, Eloy González Fernández e Sara Liñares Bardanca, do CPI de Bembibre; e recibiron como premio un e-book.
O conselleiro felicitou a todos os participantes pola súa creatividade, e agradeceu á Asociación de Empresarios do polígono de Tambre e ás empresas ás que representa “o seu compromiso e a súa colaboración en prol da formación das xeracións máis novas en valores intrínsecos do emprendemento, na iniciativa persoal, e na responsabilidade”.
Ao acto asistiron, ademais de Xesús Vázquez Abad, o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús J. Chenel e a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez.
Eduemprende
‘Atrévete Santiago’ é unha iniciativa a través da que se organizan visitas guiadas para que os escolares, nesta ocasión de 2º da ESO e 6º de Educación Primaria, coñezan o funcionamento real das empresas. Ademais, os rapaces participantes no programa puideron traballar na Asociación Área Empresarial do Tambre e no CIFP Politécnico de Santiago, respectivamente, onde recrearon con ordenadores todas as etapas de creación dunha empresa, desde as xestións diante da Axencia Tributaria e as Administracións Públicas ata a propia asociación con outras empresas, así como todas as relativas á relación con provedores, clientes, a posta en marcha de fábricas e puntos de venda, a contratación de traballadores e as xestións coas entidades bancarias.
A iniciativa enmárcase no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, Eduemprende, a través do que as consellerías de Cultura e Educación e de Economía e Industria buscan inculcar desde as etapas iniciais do ensino o espírito de esforzo e emprendemento entre as alumnas e alumnos, fomentando o seu interese pola posta en marcha de proxectos que contribúan ao avance da nosa sociedade.
Nos tres anos de funcionamento do Eduemprende desenvolvéronse actividades de difusión, formación, apoio e asesoramento dirixidas a máis de 50.000 alumnas e alumnos. Asemade, máis de 2.250 profesores e profesoras participaron en xornadas de formación e na coordinación das distintas actividades.