A Consellería de Cultura e Educación, no acto de clausura do proxecto ‘A Mariña emprende’
No programa participaron alumnos e docentes de oito centros educativos da zona e estivo centrado no fomento da cultura emprendedora
A consellería de Cultura, Educación e Innovación Universitaria, representada polo director xeral de Educación, F.P e Innovación, Manuel Corredoira, e o director do Complexo Industrial Alcoa, Rubén Bartolomé; participaron na clausura do proxecto ‘A Mariña Emprende’ na sala de conferencias da antiga biblioteca de Burela.
O director xeral, Manuel Corredoira, subliñou na súa intervención a importancia da lei do emprendemento e da competividade de Galicia, “que establece como obxectivo prioritario -dixo- o reforzo das materias que teñan que ver coa actividade emprendedora en todos os niveis educativos e o estímulo do talento emprendedor, así como a creatividade e o esforzo. Neste liña sitúase o proxecto ‘A Mariña Emprende’ desenvolto pola Consellería de Cultura e Educación co apoio económico de Alcoa e a colaboración de El Progreso”. “Este programa trata de fomentar o espírito emprendendor entre o alumnado coa finalidade de crear empresas na Mariña e proporcionar ao profesorado e os estudantes coñecementos específicos”, explicou Manuel Corredoira.
O representante da Consellería rematou o seu discurso agradecendo a contribución dos empresarios da zona e do profesorado ao tempo que felicitou aos gañadores e gañadoras do concurso.
Rubén Bartolomé, director xeral do negocio de Produtos Primarios de Alcoa en España e do complexo da compañía en San Cibrao, reiterou o compromiso coa formación dos máis xoves, que se vén materializando en diversas colaboracións coa Consellería. De feito, a cooperación entre a Consellería e a Fundación permitiu nos últimos 2 anos a implantación do ciclo de grao superior de Química industrial no IES Marqués de Sargadelos e do ciclo de grao superior de Programación da produción en moldeado de metais e polímeros no IES Illa de Sarón, entre outras iniciativas.
Fundación Alcoa, que se sustenta dos seus propios activos financeiros e non dos da compañía, apoia proxectos de institucións e organizacións para mellorar as oportunidades en educación e formación, saúde e seguridade e respecto ao medio ambiente, co obxectivo final de contribuír á mellorar a calidade de vida das comunidades nas que Alcoa está presente.
Desenvolvemento do programa
O programa diversificouse en tres liñas de actuación, empezando pola encamiñada á capacitación do profesorado en materia emprendedora, que estivo comprendida por tres actividades de formación. A primeira, relativa ao Plan de empresa, celebrada no IES María Sarmiento de Viveiro e á que asistiron 20 docentes dos centros participantes; á de Ferramentas tecnolóxicas de xestión empresarial, celebrada no IES de Foz, coa participación de 30 profesores e profesoras; e á de Motivación e iniciativa para emprendedores, celebrado no CIFP Porta da Auga de Ribadeo e contou coa presenza de 30 ensinantes.
A segunda liña de traballo foi orientada ao fomento da cultura emprendedora entre o alumnado de bacharelato e ciclos formativos, e desenvolveouse con catro actuacións de sensibilización: no CIFP Porta da Auga de Ribadeo no que representantes das empresas Garaxe San Andrés e Enciman S.L compartiron a súa experiencia con 40 rapazas e rapaces; no IES de Foz onde a empresa colaboradora foi Suministros Veipa e contou coa participación de 120 estudantes; no IES María Sarmiento de Viveiro, coa presenza de 154 alumnos e alumnas; e nos institutos Marqués de Sargadelos (Cervo) e Illa de Sarón (Xove), un total 21 e 30 discentes recibiron en primeira persoa a experiencia de Alejandro Rellán da empresa Rodabell.
A derradeira acción consistiu nunha xornada sobre o emprendemento para o alumnado de 3º e 4º da ESO. Consistiu nunha práctica educativa relacionada cos valores e características da persoa emprendedora e cos diversos trámites para montar unha empresa e nunha xuntanza con emprendedores e visitas a instalacións onde lles relataron as súas experiencias emprendedoras. Nesta actividade participaron 344 estudantes dos centros educativos inscritos no proxecto e visitaron as empresas Mobles Hermida, Pescados Rubén, Industrial Recense, ademais de Rodabell e do Porto de Celeiro.
‘A Mariña emprende’
A consellería de Cultura e Educación, o complexo industrial de Alcoa San Cibrao e o xornal El Progreso impulsaron este programa para fomentar entre o alumnado de 8 centros educativos da zona, en concreto nos IES Illa de Sarón (Xove), Marqués de Sargadelos (Cervo); María Sarmiento e Vilar Ponte (Viveiro), Perdouro e Monte Castelo (Burela), no IES de Foz e no Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga (Ribadeo).
O obxectivo era estimular o espírito emprendedor entre os estudantes do último ciclo de ESO (3º e 4º cursos), Bacharelato e Formación Profesional como forma de favorecer a súa empregabilidade e de fomentar a responsabilidade e a autonomía persoal. Para eso, desenvolvéronse diferentes actuacións de sensibilización e formación, que foron dirixidas tanto ás alumnas e alumnos como ao seu profesorado. Ademais celebrouse un concurso de ideas cuxo premio consiste no financiamento para sacar adiante un proxecto de empresa.