O conselleiro de Educación reuniuse con representantes da Xunta en Ourense para coñecer as necesidades educativas dos centros da provincia
Xesús Vázquez Abad mantivo un encontro co delegado territorial, Rogelio Martínez, e coa xefa de Educación en Ourense, Marisol Díaz, e equipos directivos e técnicos
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, continúa coas visitas que está realizar a colexios e institutos das catro provincias galegas, ocasión na que está tamén a manter encontros cos delegados da Xunta, xefes territoriais, equipos técnicos e equipos directivos académicos para coñecer as necesidades dos centros educativos de cara ao vindeiro curso.
Deste xeito, a primeira hora da mañá, Vázquez Abad e o secretario xeral da Consellería de Educación, Jesús Oitavén Barcala, reuníronse co delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; coa xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira; e coa Unidade Técnica. Neste encontro analizouse a evolución das reformas realizadas nos colexios e institutos da provincia, así como a previsión de obras futuras. Ademais, o conselleiro e o secretario xeral escoitaron dos representantes da Xunta en Ourense as necesidades educativas dos distintos centros, co fin de procurarlles resposta de cara ao vindeiro curso.
Visitas a centros
Posteriormente, o conselleiro percorreu hoxe o colexio de O Greco e o IES de O Couto, na cidade de Ourense, para interesarse pola evolución das obras de mellora que se están a realizar en ambos os dous centros.
No CEIP O Greco, Vázquez Abad puido comprobar a evolución das obras de adaptación dun local anexo ao patio escolar do centro. Este espazo vai ser destinado a acoller un ximnasio, un salón de usos múltiples, un comedor escolar e aseos para alumnos e profesores. Así mesmo, as obras neste colexio inclúen a reposición da caldeira de calefacción, e unha marquesiña desde a porta de saída ao patio ata o soportal cuberto, de tal forma que as alumnas e alumnos non sufran as consecuencias da meteoroloxía cando saian ao recreo.
Respecto do IES O Couto, o titular de Educación destacou as obras que se están a realizar nas instalacións deportivas do centro, coas melloras do cerramento e pavimentación da pista polideportiva, que se están a ver completadas coa construción dun almacén contiguo para gardar o material deportivo utilizado polas alumnas e alumnos nas clases de educación física. Neste centro están a facerse ademais melloras nas instalacións do centro, para que a comunidade escolar teña as mellores condicións de benestar o vindeiro curso académico.
Tras comprobar satisfeito a evolución dos traballos, Vázquez Abad explicou que estas obras son unha mostra máis do compromiso da Consellería de Educación co óptimo estado das dependencias dos colexios e institutos galegos, o que redunda nunha maior calidade do ensino na Comunidade. Para isto, a Xunta de Galicia destinou xa neste ano 2010 máis de 7,7 millóns de euros á mellora dos centros escolares da provincia ourensá. Só na cidade de Ourense, o investimento neste ano supera os 4,9 millóns de euros.
Ademais, o conselleiro destacou o esforzo que a Administración autonómica está a facer para manter o benestar da comunidade escolar, “especialmente nestes tempos de crise, nos que só unha xestión eficiente dos recursos públicos pode conseguir sacar adiante os obxectivos sociais da cidadanía, como é o de mellorar o sistema educativo”. Vázquez Abad explicou ademais que esta visita a Ourense serviu para coñecer as necesidade educativas dos centros da provincia de cara ao próximo curso escolar.
Durante as visitas a O Greco e O Couto, Vázquez Abad estivo acompañado polo secretario xeral da Consellería de Educación, Jesús Oitavén Barcala, o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e pola xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira.