Xesús Vázquez Abad salienta a importancia do reforzo da educación musical no novo currículo de Primaria, durante a entrega de premios Mans Futuro na Coruña
O conselleiro de Educación e Cultura e o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara, participaron na entrega dos premios da oitava edición deste concurso, símbolo da calidade das ensinanzas que se imparten nos nosos conservatorios
Vázquez Abad agradeceu na súa intervención á Fundación Paideia, “a constancia do seu compromiso, que vimos de renovar un ano máis coa sinatura dun novo convenio”
O titular Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara; xunto á delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo Piñeiro, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira; entregaron hoxe os premios da VIII edición do recoñecemento á excelencia musical Mans Futuro 2013 nas instalacións do centro de iniciativas empresariais, no polígono de Pocomaco da Coruña. Durante o acto o conselleiro sinalou os galardóns como unha mostra “da frutífera vía de relación entre o departamento que dirixe e a Fundación Paideia para a promoción dos artistas noveis que veñen de rematar os estudos de música nos conservatorios galegos”.
Xesús Vázquez Abad salientou o compromiso da súa área de goberno coa educación musical, “non só para crear as mellores condicións posibles para que os futuros profesionais da música acaden a máxima cualificación nos ámbitos relativos á creación e á interpretación, senón tamén, a un nivel máis básico, para a formación en valores desde as etapas máis temperás”. Neste sentido lembrou a importancia e consideración que teñen as ensinanzas artísticas e musicais no novo currículo de Primaria, adaptado á LOMCE, que permite incluso que os centros – no marco da súa autonomía- poidan incrementar a materia de educación artística en dúas horas no conxunto de toda a etapa.
O titular de Cultura e Educación rematou a súa intervención referíndose a estes recoñecementos “como un inmellorable punto de partida para o futuro profesional dos estudantes de música máis sobresaíntes da comunidade”, e agradecendo á Fundación Paideia, “a constancia do seu compromiso, que vimos de renovar un ano máis coa sinatura deste novo convenio” e á FNAC pola súa disposición “a apostar polos nosos músicos”. Finalmente felicitou a todos os premiados.
Oitava edición
O tribunal cualificador deste ano estivo presidido polo director da Xoven Orquestra Nacional de España e Premio Nacional de Música José Luís Turina; o responsable do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial da Consellería de Cultura e Educación, Álvaro Ariño; ademais do vicepresidente da Fundación Paideia, Guillermo Vergara; e o concertista de guitarra e pedagogo, Eulogio Fernández.
Nesta edición o primeiro premio recaeu en , Carlos Javier Polo Infante, premio extraordinario fin de carreira. Durante o curso 2012/2013 estudiou con beca Erasmus na Escola Superior de Música e Das Artes do Espectáculo (ESMAE) de Porto, lugar onde cursa actualmente un master en interpretación co profesor Luís Filipe. O segundo premio foi para Alejandro Peiteado Brea (clarinete); e o terceiro para Lorena Méndez Rodríguez (frauta traveseira). Ademais recibiron mención de honra Pablo Álvarez Delgado e Alfonso Calvo xunto con Miguel Queixas, alumnos de piano, contrabaixo e batería, respectivamente.
Con este tipo de iniciativas a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa así a fomentar a excelencia dos artistas novos que veñen de rematar os seus estudos superiores de música de Galicia, con iniciativas que recoñecen o seu esforzo e traballo diario. Como premio, os galardoados gravaron un CD, que foi mesturado, editado e masterizado, no estudio MANS, dependente da Fundación Paideia e do que se editarán 500 copias. Pola súa banda a FNAC da Coruña participa tamén nos premios, colaborando na distribución dos CDs, mediante un acordo de colaboración con Paideia. Deste xeito, os premiados contemplan todas as partes esenciais do percorrido dun artista: a gravación, a edición, a difusión e a distribución dos seus traballos.
Proxección do alumnado
Estes premios, promovidos a través de MANS estudio de gravación, serven como proxección para as mozas e mozos galegos que acadan a excelencia académica nos dous conservatorios superiores de música de Galicia, recollendo o seu traballo coa gravación e promoción dun CD.
Para acceder a estes galardóns os alumnos e alumnas debían ter acadado a cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra no concerto fin de carreira das ensinanzas superiores da música en calquera dos dous conservatorios superiores de música de Galicia. Ademais, os aspirantes deberon ter que superar unha proba de selección, que consistiu na execución dun Programa Libre de Concerto, cunha duración máxima de 30 minutos.