O conselleiro de Educación presidiu o acto de posgraduación de 24 estudantes do Máster en Creación, Dirección e Innovación na empresa da Facultade do campus de Ourense

Xesús Vázquez Abad destacou os proxectos do alumnado, e fixo especial referencia ao galardoado co mellor premio empresarial

Xov, 22/07/2010 - 20:15
O conselleiro de Educación presidiu o acto de posgraduación
O conselleiro de Educación presidiu o acto de posgraduación do Máster en Creación, Dirección e Innovación na empresa da Facultade do campus de Ourense

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe ao acto de posgraduación dos 24 alumnos e alumnas do Máster oficial en Creación, Dirección e Innovación na empresa impartido na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, no campus de Ourense.

Durante a súa intervención, o conselleiro resaltou o esforzo do estudantado que afrontou “retos que grazas ao optimismo da vontade e do traballo académico, son catalizadores do progreso e fonte de oportunidades para o crecemento económico, a madurez educativa e mailo benestar social”.

Vázquez Abad destacou “a fructífera e engaiolante realización de iniciativas que coinciden cos intereses dos ámbitos empresariais que polarizan o progreso innovador na nosa terra”. Asemade, o titular de Educación dixo que “experiencias como esta confirman a nosa convicción de que as ciencias aplicadas constitúen a espiña dorsal dunha nova Cultura, se por Cultura entendemos a capacidade do ser humano para intervir, dun xeito creativo, orixinal e positivo, no seu contorno económico e empresarial”.

Innovación empresarial e tecnolóxica

Os 24 estudantes do Primeiro Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa, recibiron a felicitación do conselleiro. “Os resultados deste Máster –díxolles- poñen de relevo a fulgurante pegada do voso traballo. Estou plenamente convencido de que o voso labor posúe propiedades abondo para actuar, de agora en adiante, como un catalizador de progreso para o conxunto do noso país”.

Por outra banda o conselleiro fixo unha mención especial ao gañador do mellor premio empresarial do máster: “O exemplo de Pablo Gutiérrez Alfaro, do que o seu proxecto NINK constitúe o máis nidio exemplo de excelencia de cantos proxectos agromaron neste Máster, danos motivos e ben fundadas razóns para o noso optimismo”. O proxecto NINK, consta dunha base tecnolóxica especializada en aplicacións de sistemas de realidade aumentada, e combina as técnicas de creación empresarial e de innovación tecnolóxicas, dous dos piares chanzos que configuran o máster.

Ademais no acto fíxose entrega de agasallos de recoñecemento a empresas e entidades colaboradoras entre as que figuran Grupo Cuevas, Hispamoldes, Pérez Rumbao, e Grupo COPASA, as fundacións da Confederación de empresarios de Ourense (CEO), de Caixa Galicia  e Gómez Franqueira,  ademais do Parque Tecnolóxico de Galicia, e a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas.

A apertura do acto correu a cargo do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e nel estivo presente a decana da facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, María Elisa Alén González; e o Subdirector Xeral de Apoio á Contratación aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo, Jorge Barros de la Peña, ademais da coordinadora do Máster, Ana Gueimonde Canto, e o Presidente da Confederación Empresarial de Ourense, Francisco Rodríguez García.