A Consellería de Cultura e Educación e a Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos da Coruña asinan o segundo convenio de FP Dual en menos dun ano
Ao igual que o acordo asinado o 31 de marzo, será para a posta en marcha nesta modalidade do ciclo medio en Electromecánica de Vehículos Automóbiles, desta vez no CIFP Someso, para 15 alumnas e alumnos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos da Coruña (APTCOR), Miguel Marcote, asinaron hoxe o que é o segundo convenio de colaboración en materia de Formación Profesional Dual subscrito entre ambas as entidades en menos dun ano. Así, despois do acordo formalizado o pasado 31 de marzo para a posta en marcha nesta modalidade dun ciclo de grao medio en Electromecánica de Vehículos Automóbiles, que se ofertará para 15 alumnas e alumnos no CIFP Politécnico de Santiago; desta vez o convenio refírese á implantación desta mesma titulación na modalidade de FP Dual no CIFP Someso, tamén para 15 estudantes. En ambos os casos o proxecto desenvolverase durante os cursos 2014/2015, 2015/2016 e 2016/2017.
Este é o décimo primeiro proxecto de FP Dual da Consellería, e a segunda ocasión na que unha entidade empresarial ou asociación – como xa ocorreu con UNVI- amplía de un a dous ciclos a súa participación no proceso progresivo de implantación deste tipo de Formación Profesional en Galicia.
No acto de sinatura estiveron presentes, ademais, o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e mais a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez.
Formación e actividade profesionalizadora
Ao igual ca nos que xa están en desenvolvemento, o proxecto cuxa implantación se formalizou hoxe caracterízase pola combinación de formación curricular con actividade profesionalizadora remunerada na empresa (arredor do 53,7% dos 3 cursos que dura o ciclo), na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. O período formativo desenvolveranse no CIFP Someso, así como nas instalacións dos talleres asociados a APTCOR.
O obxectivo é promover a empregabilidade dos máis novos facilitando, coa axuda das empresas galegas, se facilite que o alumnado dos ciclos formativos compaxine o seu período de estudos con actividade profesional propia da empresa nunha situación real, o que contribúe á preparación dos estudantes para a súa entrada no mercado laboral. Así mesmo, esta formación favorece ás empresas, que poden preparar aos estudantes de acordo coas necesidades reais do noso tecido produtivo.
O proxecto asinado hoxe con APTCOR terá unha duración de 5.177 horas, ao longo de 3 cursos. Delas, 2.780 horas seránde actividade profesionalizadora baixo un réxime de bolsas remuneradas. Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 255 de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo.
Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, a empresa nomeará un titor ou titora da alumna ou alumno, que será responsable do seguimento da actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, o CIFP Someso designará un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación co profesorado, e servir como interlocutor coa empresa.
Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do CIFP Someso e de APTCOR.