Xesús Vázquez Abad asistiu á II edición da iniciativa musical e educativa homenaxe a Manuel Curros Enriquez, “No bico un cantar”, no claustro do mosteiro de San Salvador de Celanova
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria gabou na súa intervención o traballo do alumnado na aprendizaxe musical e a dedicación dos seus docentes; ao tempo que felicitou ás familias por alentar aos nenos nese proceso
Vázquez Abad anunciou a continuidade da iniciativa que o vindeiro ano dedicarase ao cambadés Ramón Cabanillas
Un coro composto de 500 nenos e nenas procedentes de distintos conservatorios e centros oficiais de ensino musical de Galicia, dirixidos por Maximinio Zumalave e acompañados polo quinteto Hercules Brass interpretaron poemas de Curros Enríquez
O titular de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o presidente da Cultura Galega, Ramón Villares; e o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, ademais do director de relacións institucionais do grupo Vegalsa Eroski, Javier González, asistiron hoxe ao concerto na honra do poeta celanovés, Manuel Curros Enríquez. No espectáculo participaron un coro composto por medio milleiro de nenos e nenas dos conservatorios da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, así como do coro CPI Tomás de Lemos, os Nenos Cantores da Capela Madrigalista e o Orfeón Unión Ourensana para cantar os versos de Manuel Curros Enríquez.
A iniciativa musical e educativa “No bico un cantar” foi promovida pola Consellería en colaboración co Consello da Cultura Galega, o concello de Celanova e o grupo Vegalsa Eroski. O proxecto ten como fin de achegar aos escolares de toda Galicia a música clásica en diálogo coa poesía.
Vázquez Abad destacou na súa intervención que o concerto, detrás do que había “un gran esforzo e interese colectivo“, suporía “unha homenaxe senlleira de Galicia a un dos nosos mellores poetas, Curros Enríquez”. Así mesmo subliñou o gran esforzo que están a realizar os alumnos, ao compaxinar os seus estudos coas actividades musicais. Tamén recalcou a labor que desenvolven os profesores e directores das agrupacións, que xunto as familias, alentan aos alumnos no proceso. O titular de Cultura e Educación rematou anunciando a continuidade da actividade o vindeiro ano. O protagonista do certame será o vate de Fefiñáns, o cambadés Ramón Cabanillas.
Programa musical
Dirixidos pola batuta de Maximino Zumalave e acompañados polo quinteto Hércules Brass –formado por Alejandro González (trompeta), Victor Manuel Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Esteban Méndez (trombón) e Rodrigo Rodríguez (tuba), e nesta ocasión tamén actuarán con Jordi Ortega (trompa convidado)-, as voces brancas interpretaron os poemas “A Rosalía”, “Cántiga”, “Os teus ollos” e “Nouturnio”. Todos eles viron a luz no poemario “Aires da miña terra”, agás o titulado “A Rosalía”, escrito logo da morte da escritora padronesa.
Os poemas foron musicados e adaptados por Xosé Baldomir, Xoán Montes, Xosé Castro “Chané” e Xabier Comesaña. Este último creou por encargo a composición “Nocturnio”, que se estreou no concerto, mentres que Juan Durán realizou os arranxos musicais para o coro de nenos e sexteto de metais de todas elas.
Pola mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; xunto á vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o alcalde de Celanova, José Luís Ferro, recibiron aos rapaces participantes. A continuación os integrantes do coro fixeron ensaios conxuntos do programa musical no mosteiro. De seguido os alumnos tiveron a ocasión de visitar Vilanova dos Infantes e asistiron ao espectáculo de Peter Punk, no que o clown Isaac Rodríguez fixo gozar ós asistentes cunha proposta multidisciplinar e dinámica, co humor como fío condutor.