A Consellería de Cultura e Educación e Loida subscriben un convenio de colaboración para a posta en marcha dun proxecto de FP Dual no ciclo de grao medio en peiteado e cosmética capilar
Xesús Vázquez e Loida Zamuz asinaron hoxe este acordo, do que se poderán beneficiar o próximo curso 15 alumnas e alumnos, que se matricularán no CIFP Someso
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e Loida Zamuz – en representación da empresa de peiteado Loida- asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha do que é o décimo proxecto de FP Dual en Galicia, o primeiro ademais na familia profesional de Imaxe persoal. Ao abeiro deste acordo, abrirase unha convocatoria para que 15 alumnas e alumnos se matriculen no ciclo de grao medio en Peiteado e Cosmética capilar no CIFP Someso durante os cursos 2014/2015, 2015/2016 e 2016/2017.
Desta forma o departamento educativo da Xunta de Galicia dá un paso máis na implantación desta modalidade da FP, unha aposta pola empregabilidade dos máis novos facilitando, coa axuda das empresas galegas, se facilite que o alumnado dos ciclos formativos compaxine o seu período de estudos con actividade profesional propia da empresa nunha situación real, o que contribúe á preparación dos estudantes para a súa entrada no mercado laboral. Así mesmo, esta formación favorece ás empresas, que poden preparar aos estudantes de acordo coas necesidades reais do noso tecido produtivo.
De feito, o valor diferencial da FP Dual radica na combinación de formación curricular con actividade profesionalizadora remunerada na empresa (arredor do 60 % dos 3 cursos que duran os ciclos), na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. O período formativo desenvolveranse no CIFP Someso, así como nas instalacións de Loida na Coruña.
Ao acto, ademais dos asinantes, asistiu o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e a subdirectora xeral de FP da Consellería, María Eugenia Pérez Fernández.
Desenvolvemento do proxecto
O proxecto no ciclo superior de Peiteado e Cosmética capilar terá unha duración de 5.210 horas, ao longo de 3 cursos. Delas, 2.065 serán de formación, das que 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.064 horas impartiranse no CIFP Someso e as outras 526 horas de formación curricular completaranse na empresa), e 475 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo.
Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 3.145 horas de actividade profesionalizadora baixo un réxime de bolsas remuneradas.
A distribución horaria establecerase do seguinte xeito:
Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, a empresa nomeará un titor ou titora da alumna ou alumno, que será responsable do seguimento da actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, o CIFP Someso designará un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación co profesorado, e servir como interlocutor coa empresa.
Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do CIFP Someso e de Loida.