Xesús Vázquez Abad e Rosa Quintana entregan os premios ‘O monte é a nosa vida’ que poñen en valor o bosque galego desde a perspectiva social, medio ambiental e económica

O acto celebrado na Sala Eisenman da Cidade da Cultura contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais a conselleira de Medio Rural e do Mar

Xesús Vázquez Abad salientou a importancia desta iniciativa como “unha valiosa potenciación dos nosos montes”

Pola súa banda, Rosa Quintana destacou a calidade dos 165 traballos presentados a este certame, con participación das catro provincias galegas

Mér, 04/06/2014 - 12:20
 Xesús Vázquez Abad e Rosa Quintana entregan os premios ‘O monte é a nosa vida’
Xesús Vázquez Abad e Rosa Quintana entregan os premios ‘O monte é a nosa vida’ que poñen en valor o bosque galego desde a perspectiva social, medio ambiental e económica

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presidiron esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia a entrega da terceira edición dos premios ‘O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo’ organizados por Confemadera Hábitat Galicia que recoñecen os traballos das alumnas e os alumnos de ESO de todos os centros escolares de Galicia e que poñen en valor o monte galego desde a perspectiva social, medio ambiental e económica. Os conselleiros estiveron acompañados polo presidente de Confemadera Hábitat Galicia, Elier Ojea, así como dos directores e profesores dos colexios asistentes.

O conselleiro, que foi membro do xurado destes premios, salientou a calidade dos 165 traballos presentados por alumnos de ESO e Centros de educación especial de toda Galicia e valorou a capacidade dos rapaces para coidar e transmitir a importancia do medio ambiente “a través de iniciativas formativas nos centros galegos”. Vázquez Abad lembroulles aos alumnos e alumnas que os montes “cumpren unha importante función ecolóxica, minorando o cambio climático; a de abastecernos de gran cantidade de produtos, como a madeira, base dun importante sector do tecido produtivo da nosa comunidade; e unha función social, tan necesaria, como espazo de lecer e encontro coa natureza”.

Do mesmo xeito, o responsable de Cultura e Educación felicitou a Confemadera por organizar unha iniciativa que “axuda a potenciar o valor dos nosos montes”. Do mesmo xeito, o conselleiro recoñeceu o traballo dos docentes “pola súa implicación” xa que constitúen “a vosa guía e o voso apoio. Saben que as inquedanzas que tendes hoxe supoñen unha inversión nun futuro mellor en beneficio de todos”, dixo.

Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou a calidade dos 165 traballos presentados a este certame, con participación das catro provincias galegas. En relación co esforzo dos participantes, dixo que este alto nivel “amosa tanto o voso coidado, cariño e preocupación polo medio natural, como o coñecemento das terras e rexións nas que vivides”.

Rosa Quintana agradeceu o traballo dos participantes, compañeiros e profesores e afirmou que con esta labor “Galicia seguirá a ser o que sempre foi, unha costa verdescente, a esquina verde de España que pode presumir de ter máis árbores por habitante”.

A conselleira advertiu de que o futuro forestal galego, a medio prazo, “descansa nas vosas mans. Tedes demostrado que temos sorte, que esas mans son competentes e que podemos estar tranquilos de cara o futuro no que a valoración e coidado dos nosos montes se refire”.

A conselleira fixo tamén fincapé na vocación forestal da nosa Comunidade ao afirmar que “Galicia é verde, Galicia é monte e Galicia é madeira”. Engadiu que “a nosa Comunidade, o seu verdor, o seu xeito de vida, a nosa forma de ser, descansa nunha gran parte na condición de rexión con montes, con madeira, unha paisaxe que forma parte do sentir galego”.

O presidente de Confemadera Hábitat Galicia, Elier Ojea, fixo fincapé na gran acollida que teñen as unidades didácticas que elaboraron cun grupo de docentes, para cubrir a información sobre as características do monte galego.

O monte é a nosa vida

No acto celebrado na Sala Eisenman da Cidade da Cultura entregáronse os premios correspondentes a esta edición, escollidos entre os 165 traballos presentados. Na categoría artística individual o premio foi para Irea García, alumna de 3º da ESO do colexio Compañía de María de Vigo e na colectiva para 4º ESO-B do CPI Xanceda de Mesía en A Coruña. Cristina González, do CPI Suárez Marquier de Pontevedra resultou premiada na subcategoría individual de fotografía/audiovisual; no apartado colectivo resultaron gañadores os cursos de 1º e 2º da ESO do CPR Santa Apolonia de Santiago. Dos Centros de educación especial o galardón foi para o CEE Terra de Ferrol.

A campaña ‘O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo’ é unha iniciativa de Confemadera Hábitat Galicia, que naceu en 2007 co obxectivo de sensibilizar á sociedade galega da importancia do monte para Galicia desde as perspectivas medioambiental, social e económica. O concurso está dirixido aos estudantes de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO de todos os centros escolares de Galicia e a alumnos de Educación Especial que poderán presentarse de forma colectiva.