O conselleiro de Educación visitou as obras nos colexios de Bueu e O Porriño
Xesús Vázquez Abad explicou que a Xunta de Galicia está a destinar case 4 millóns de euros para a mellora destas instalacións
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, amosouse hoxe satisfeito pola marcha das obras nos colexios pontevedreses A Pedra (Bueu) e Antonio Palacios (O Porriño), nos que a Consellería vai investir case 4 millóns de euros. O conselleiro visitou ambos os dous centros, acompañado polo xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares, no marco da rolda de encontros que realizará esta semana cos delegados da Xunta, xefes territoriais equipos técnicos e equipos directivos académicos. O obxectivo é coñecer as necesidades de centros educativos de toda Galicia, facer un seguimento do estado das obras, e avaliar o estado dos centros de cara ao vindeiro curso escolar.
Melloras en Bueu
Vázquez Abad comezou o percorrido en Bueu, onde visitou as obras do CEIP A Pedra. Neste centro estase a executar a reforma e acondicionamento de muros e peche da parcela do colexio; e de traballos de urbanización, saneamento e iluminación do novo patio.
Na primeira fase das obras de mellora neste colexio xa se construíu un ximnasio e un patio cuberto, ambas zonas libres de barreiras arquitectónicas. Ademais, construirase unha zona que albergará novas dependencias do centro; e levaranse a cabo traballos de urbanización do centro, recuperando as árbores da parte posterior do novo ximnasio, e creando zonas de vexetación na contorna. En total, a Consellería de Educación ten previsto destinar á reforma do CEIP A Pedra case 1,2 millóns de euros, co fin de que o vindeiro curso os estudantes poidan xa facer uso das novas instalacións.
Reposición do Antonio Palacios
Posteriormente, o conselleiro de Educación comprobou "in situ" o avance das obras de reposición do CEIP Antonio Palacios en O Porriño, por importe de máis de 2,7 millóns de euros. Neste colexio estase a construír un novo edificio, composto de tres alas, integrando todas as áreas esixidas no programa de necesidades educativas.
O proxecto defínese nun edificio de dúas plantas, cun gran patio aberto destinado a zona de xogos e un patio cuberto e un ximnasio. O centro contará ademais con biblioteca, ascensor e aseos para minusválidos, salas de usos múltiples, zonas para profesorado e equipo directivo, cociña, comedor e aulas de informática. Así mesmo, haberá aulas de infantil, cos seus aseos correspondentes no interior das mesmas e patios de xogos de cada unha de elas; e aulas para educación primaria e especial
Xesús Vázquez Abad explicou que as melloras que se están a realizar nos centros de ensino da provincia de Pontevedra demostran o compromiso da Consellería de Educación co benestar da comunidade escolar, co fin de que este redunde nunha maior calidade das instalacións educativas.