O presidente da Xunta e varios conselleiros visitaron aos nenos ingresados nos hospitais galegos
Alberto Núñez Feijoo repartiu lotes de "mochilas hospitalarias" destinadas ao fomento da lectura
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo visitou aos nenos e nenas ingresados nas aulas hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, con motivo das festas de Nadal. Durante o seu encontro con máis pequenos o presidente compartiu con eles os seus desexos de cara a estas datas, ao tempo que lles escoitou as súas peticións de Nadal. Ademais cada un dos nenos recibiu unha "mochila hospitalaria", que incluía a propia bolsa e un lote de tres libros, dous deles en galego -un de índole musical- e o terceiro en castelán. Tamén recibiron un paquete con lapis de colores, un marca-libros e unha libreta.
A visita presidencial completarase coas que se están a realizar ao longo da semana por parte do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, que estivo no Complexo Hospitalario de Ourense; a titular de Sanidade, Pilar Farjas, que fixo o propio no CHUAC coruñés.
Ademais, está previsto que os nenos e nenas ingresados no resto de centros hospitalarios galegos -onde se repartirán máis de 250 "mochilas hospitalarias"- sexan visitados por conselleiros e delegados territoriais da Xunta.
Así, está previsto que o conselleiro de Economía e Industria,Javier Guerra, visite o Complexo Hospitalario de Vigo, mentres que o delegado provincial da Xunta,José Manuel Cores Tourís, faga o propio en Pontevedra. O delegado gobernamental en A Coruña, Diego Calvo, desprazarase a Ferrol e a súa homóloga de Lugo, Raquel Arias visitará o hospital de Lugo.