Xesús Vázquez Abad participou na XXI Edición do “Día da Once” organizado polo consello territorial da entidade en Galicia
O evento trata de mostrar á sociedade o labor desta institución e a súa Fundación, e reunir o colectivo que conforma a súa comunidade
O conselleiro expresou a súa admiración polo colectivo e subliñou que o convenio de colaboración asinado entre as partes permite que un equipo específico de docentes atenda a alumnos con discapacidade visual
O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou na conmemoración do Día da ONCE organizada polo consello territorial galego desta institución. No acto participaron arredor de 800 persoas desprazadas en autobuses desde todos os centros de Galicia e tivo lugar no hotel Scala de Padrón.
A xornada integrou unha homenaxe os traballadores que remataron a súa actividade coa institución e os alumnos que concluíron os seus estudos, ao tempo que a organización mostrou o labor social que realizan e as iniciativas desenvolvidas pola súa Fundación.
Vázquez Abad estivo acompañado pola secretaria xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro Vázquez e polo director xeral de educación, formación profesional e innovación, Manuel Corredoira López. Ademais, no acto tamén estiveron presentes a directora adxunta de servizos sociais da ONCE, Patricia Sanz e o delegado territorial da Once en Galicia, Manuel Martínez Pan.
Traballo de vangarda
O titular da consellería de Educación e Cultura, destacou na súa intervención a “admiración polo traballo de vangarda que está a levar a cabo a ONCE a favor de desenvolver as capacidades individuais das persoas”. Subliñou tamén que o convenio de colaboración asinado entre o seu departamento e a organización, permite ao alumnado con discapacidade visual ser atendido por un equipo específico de docentes que suporá un custo de 200.000 euros para o vindeiro curso. O conselleiro rematou agradecendo o traballo da institución en prol da integración das persoas que integran este colectivo.
Durante o curso 2012/2013, un total de 361 alumnos con discapacidade visual foron atendidos por equipos específicos, dos cales 66 cursan ensinanzas de educación infantil; 85 de educación primaria; 45 de ESO; 21 de Bacharelato; 17 de FP; 2 PCPI; 71 de EBO; 1 de PTVA; 40 de ensinanzas universitarias; 9 de ensinanzas de idiomas e 4 educación de adultos. Para o curso 2014/2015 a consellería aportará un equipo de 6 docentes do corpo de mestres, que suporá un custo de 192.543 euros.
Aposta polo emprego para a inserción
A secretaria xeral de política social, Coro Piñeiro, destacou pola súa parte que as persoas con discapacidade seguen a ser un colectivo prioritario para o goberno galego. Lembrou que a partida orzamentaria para a discapacidade aumentou un 6%, ó tempo que sinalou que para a Xunta de Galicia a mellor ferramenta para a plena integración e a igualdade real das persoas con discapacidades, ven dada pola inserción laboral. Rematou a súa intervención lembrando a entrada en vigor da nova carteira de servizos para as persoas dependentes.