Cultura e Educación participa no acto de celebración do décimo aniversario da sinatura do convenio entre a Consellería e Repsol organizado polo IES A Sardiñeira na Fundación Paideia da Coruña
Os alumnos do ciclo superior de Química Industrial realizan parte da súa formación en centros de traballo da refinería
O representante da Xunta subliñou a importancia dos dous convenios de colaboración . O primeiro asinado hai dez anos, e o segundo subscrito en 2013 para poñer en marcha un proxecto experimental de FP dual na área da Coruña.
A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo director xeral de Educación, F.P e Innovación, Manuel Corredoira, participou na celebración organizada polo IES A Sardiñeira do décimo aniversario da firma do convenio entre Repsol e a Consellería, a través do que os alumnos do ciclo superior, antes de Industrias de proceso químico e agora de Química Industrial, realizan o período de formación en centros de traballo da refinería da Coruña.
No acto participaron arredor de 120 alumnos e ex alumnos, ademais do director de produción de Repsol, Javier Azagra; o responsable de formación de Repsol, José Ortuño e o director do IES A Sardiñeira, Hermógenes Cobas.
Loa dos convenios de colaboración
Manuel Corredoira salientou no seu discurso a transcendencia da cooperación entre a empresa e o sistema educativo “nun proceso de retroalimentación no que as compañías prestan o seu apoio para mellorar e ofrecer novas posibilidades de formación aos estudantes de FP, e do que reciben despois uns profesionais cunha cualificación adaptada ás necesidades do noso tecido produtivo”. Na mesma liña, referiuse ao primeiro aniversario da posta en marcha do proxecto pioneiro experimental de FP dual na área da Coruña, na que 15 alumnos do grao superior en Química Industrial do IES A Sardiñeira combinan a formación no centro con traballo efectivo nas instalacións da devandita compañía da cidade herculina durante os cursos 2013/2014 e 2014/2015.
O director xeral de Educación, FP e Innovación rematou a súa intervención recoñecendo o traballo do IES A Sardiñeira e dos seus equipos directivos e docentes xa que, ao seu xuizo, sen o esforzo diario na formación do alumnado non sería posible que os estudantes chegaran ás instalacións de Repsol preparados para aproveitar o seu período de prácticas.