O conselleiro de Educación clausura o acto de graduación de preto de 200 estudantes de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense

Xesús Vázquez Abad recordou a súa etapa como decano da facultade

Ven, 16/07/2010 - 18:47
Acto de graduación dos estudantes de Ciencias Empresariais e Turismo
O conselleiro de Educación clausura o acto de graduación de preto de 200 estudantes de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe ao acto de graduación dos estudantes de Ciencias Empresariais e Turismo, do campus de Ourense, no que 188 alumnas e alumnos recibiron os diplomas que os acreditan como novos titulados.

Durante a súa intervención, o conselleiro destacou o esforzo dos estudantado e “as vibracións da xente nova que funcionan como impulso do porvir”. Por outra banda animounos nos vindeiros pasos da súa vida e na incorporación ao mundo laboral; e recordoulles que a complicada situación económica que se está a vivir é un motivo para loitar máis e co fin de que, grazas ao esforzo de todos, poidamos saír desta etapa.

“Os desafíos volveranse éxitos e obxectivos cumpridos nunha sociedade cada vez máis esixente e profesionalizada”, dixo o conselleiro, que engadiu que “propoñemos un cambio de mentalidade. Unha nova intelixencia que fai posible que as Administracións públicas sexan capaces de xerar confianza social e impulso económico”.

Unha labor de todos

Vázquez Abad destacou que “a ambición e diálogo, son outros dous piares da nova xeira que está a vivir a nosa terra. En suma, cooperación, para continuar coa loita pola superación dos desafíos que ergue perante nós a sociedade global. Finalmente, optimismo e confianza nas nosas propias forzas. Son dúas premisas que se amosan coa vixencia invencible da mocidade neste Acto de Graduación, no que se demostra que, a pesar dos profundos cambios que están a producirse na nosa sociedade, as institucións universitarias constitúen unha fonte de novos recursos humanos que traen consigo os vimbios e mailas liñas directrices que han perfilar a folla de ruta das próximas décadas”.

Asemade, Vázquez Abad dixo que “para min é unha honra moi especial sentir que, dalgún xeito, sigo formando parte das inquedanzas e dos obxectivos desta facultade” xa que tal e como recordou “tiven a sorte e mailo privilexio de vivir a máis produtiva e apaixoante etapa académica e profesional”, en relación a súa propia experiencia universitaria como decano da facultade.

Diálogo e cooperación

Aos 88 estudantes de Ciencias Empresariais, 55 de Administración e Dirección de Empresas e os 45 de Turismo, o conselleiro díxolles que “os que hoxe vos graduades e axiña iniciaredes a vosa vida profesional, debedes sentirvos orgullosos de formar parte dun colectivo que contribúe como ningún outro á procura da prosperidade e do benestar social”. “As vosas vidas abriranse a novos horizontes, pero sempre o faredes sabendo que formades parte do máis importante acervo ao que a nosa terra pode aspirar: o seu capital humano universitario”, aseguroulles.

Entre as alumnas e alumnos homenaxeados destacou a Rebeca de la Rosa, que foi galardoada co premio extraordinario fin de carreira, ao que fixo referencia o conselleiro sinalando que “o seu esforzo é un exemplo para todos e constitúe unha demostración palpable de que o Campus de Ourense é un extraordinario viveiro de intelixencia creativa que, ano tras ano, xorde perante todos nós para aportar folgos novos e mentalidade académica e profesional aos ámbitos empresariais máis dinámicos de Galicia”.

Por outra banda recordouse a persoa do recentemente falecido Manuel Rodríguez de la Fuente, vicepresidente do Consello Social da Universidade de Vigo, coa que tiña unha estreita vinculación, e que foi un exemplo de constancia, rigor e disciplina.

A apertura do acto correu a cargo do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e nel estivo presente a decana da facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, María Elisa Alén González; e o delegado da Xunta de Ourense, Rogelio Martínez. Ademais os profesores Pablo de Carlos Villamarín, Coloma Viúdez Lomba, e Roberto Carballo, padriños de Turismo, Ciencias Empresariais e Administración e Dirección de Empresas respectivamente, entregaron os diplomas aos  seus pupilos.