O conselleiro de Cultura e Educación valora a aposta de Citroën pola formación como garantía de futuro e agradece a entrega de material didáctico para o seu emprego nas aulas de FP
Xesús Vázquez Abad participou no acto simbólico de entrega dun Citroën C4 Picasso, tres caixas de velocidade e tres motores, que servirán para mellorar a cualificación do alumnado de centros educativos das 4 provincias
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, valorou hoxe a aposta de Citroën como unha garantía de futuro no marco dun acto simbólico de entrega de material didáctico celebrado nas instalacións da compañía en Vigo. En concreto, o Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën vén de donar á Consellería un Citroën C4 Picasso, tres caixas de cambios e tres motores, equipamento que será utilizado polo alumnado dos ciclos formativos da familia da Automoción de centros educativos das 4 provincias galegas.
Esta doazón enmárcase no acordo asinado entre ambas as partes o pasado ano para promover al FP na rama do automóbil. Ao abeiro do mesmo a compañia cedeu tamén en abril deste ano un Peugeot Partner ao IES nº1 de Ordes.
A formación como base do crecemento económico
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu ao director do Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën, Juan Antonio Muñoz Codina, o compromiso da empresa coa educación como unha vía fundamental para acadar a mellor cualificación para “un alumnado que mañá traballará no tecido produtivo galego”. Neste sentido sinalou ademais esta colaboración como unha retroalimentación, na que que a compañía está a investir na formación de persoas que nun futuro inmediato serán axentes fundamentais para o crecemento e innovación na súa industria. “Este compromiso de Citroën coa FP galega é mostra dunha cultura empresarial consciente de que a formación é a base máis solida do crecemento económico”, unha aposta que están a poñer de manifesto tamén centos de empresas do tecido socioprodutivo galego que colaboran cos centros de FP, ben sexa no desenvolvemento de proxectos innovadores, na Formación en Centros de Traballo (FCT) ou na progresiva implantación da FP Dual.
Pola súa parte o director do Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën,Juan Antonio Muñoz Codina, resaltou “a implicación da planta co seu entorno e a súa acción decidida por contribuír á acción formativa dos futuros profesionais do automóbil de Galicia”.
Ao acto asistiron, ademais, a delegada da Xunta en Vigo, Mª José Bravo Bosch; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e mais o xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares.