O conselleiro de Cultura e Educación salienta o bo facer dos IES nº1 de Ordes e de Curtis ao acadar a donación de material por parte de Renault para o uso do alumnado da FP na aula
Xesús Vázquez Abad participou no acto simbólico de entrega, que se celebrou no concesionario M. Caeiro de Santiago
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o bo facer do IES nº1 de Ordes e do IES de Curtis, centros que veñen de conseguir que a compañía Renault lles material para o seu uso na aula por parte do alumnado de Formación Profesional. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia asistiu hoxe ao acto simbólico de entrega do motor K9K ao IES nº1 de Ordes, que se celebrou no concesionario M. Caeiro en Santiago de Compostela, un material que será utilizado por estudantes dociclo de grao medio en Electromecánica de Vehículos. Da mesma forma, o IES de Curtis recibirá tamén de Renault esta tarde un Renault Clío II, que será empregado na aula polo alumnado de Electromecánica de vehículos. O encontro desta mañá aproveitouse ademais para abordar a posibilidade de establecer futuras colaboracións entre ambas as partes en materia de FP.
Vázquez Abad salientou o labor dos representantes do centro – en especial do profesorado de ambos os centros- en prol da calidade educativa e da mellora da culificación que acada o alumnado. De feito, alumnos do IES nº1 de Ordes acaban de rematar en primeiro posto a nivel nacional no perfil de Vehículo Industrial e no terceiro no perfil de Electromecánica no 11º Concurso Mozos Técnicos en Automoción, organizado pola fundación Compromiso coa Formación Profesional (COMFORP), no que tamén conseguiran o ano pasado o primeiro premio nacional. Neste sentido valorou especialmente a cultura emprendedora nos centros de ensino, a través da que se buscan colaboracións, patrocinios e, sobre todo, experiencias altamente enriquecedoras para a formación das rapazas e rapaces.
O conselleiro agradeceu ademais a Renault o apoio prestado á Formación Profesional, mostra dunha cultura empresarial que afonda na importancia da formación como base do éxito da nosa industria, unha aposta que están a poñer de manifesto tamén centos de empresas do tecido socioprodutivo galego que colaboran cos centros de FP, ben sexa no desenvolvemento de proxectos innovadores, na Formación en Centros de Traballo (FCT) ou na progresiva implantación da FP Dual.
Ao acto asistiron, en representación do IES nº1 de Ordes, José Manuel Carabel, Juan Antonio Negreira e Javier Espiño, membros do departamento de Automoción; e a directora, Dolores Iglesias. Pola parte de Renault, o director rexional en Galicia, José Antonio del Olmo, e mais a delegada comercial de punto de venda da dirección de Valladolid, Olga Álvarez-Escudero. O concesionario estivo representado pola conselleira delegada de M. Caeiro S.A., María Caeiro, e polo seu xerente, Luís Pereiras.