A Consellería de Cultura e Educación pon a disposición da comunidade educativa o borrador do currículo de educación primaria para a implantación da LOMCE
O texto será enviado aos sindicatos do ensino e demais órganos de participación para recoller as propostas construtivas de cara ao seu enriquecemento
Entre outros aspectos, o decreto regula as tarefas extraescolares con respecto a autonomía pedagóxica e organizativa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon hoxe a través do seu web a disposición de toda comunidade educativa –órganos de participación e consulta, docentes, nais e pais e sindicatos do ensino– o borrador do novo decreto de educación Primaria, adaptado á nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). O obxectivo é que os axentes implicados fagan propostas construtivas nas vindeiras semanas para o enriquecemento dos textos antes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Cómpre sinalar que, cumprindo co xa anunciado pola Consellería, o texto regula as tarefas extraescolares con respecto a autonomía pedagóxica e organizativa e segundo as peculiaridades, necesidades e ritmos do alumnado e atendendo a progresividade ao longo da etapa.
Metodoloxía
No decreto faise unha aposta clara por un ensino e unha aprendizaxe competencial o que supón unha maior aproximación á recomendación 2006/962/EC do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro de 2006 pola que establecen as competencias clave nos sistemas educativos europeos. Introdúcense, nesta liña de traballo, os estándares de aprendizaxe que permiten facer de ponte entre os criterios de avaliación e as competencias clave.
Co obxecto de incidir no enfoque competencial faise unha concreción na que se relacionan todos os elementos do currículo: obxectivos, contidos, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe e competencias clave. Este enfoque de traballo facilitará a elaboración de programacións didácticas que aborden o deseño curricular como un todo, ao mesmo tempo que favorece o traballo do profesorado. Poténciase, en definitiva, a autonomía pedagóxica dos centros e do profesorado.
Materias
En liña co anterior faise especial fincapé na adquisición das competencias en comunicación lingüística, matemática e en ciencias e tecnoloxía. Apóstase polo equilibrio lingüístico no que a lingua e literatura galega e lingua e literatura castelá terán o mesmo peso e tratamento, ademais de consolidarse a aposta pola aprendizaxe en linguas estranxeiras, en equilibrio cos linguas cooficiais.
No que atinxe á distribución de materias, se regulan segundo a agrupación establecida como básica polo Estado, distinguindo asignaturas troncais, específicas e de libre configuración autonómica, en función da distribución de competencias que, sobre as mesmas, teñen as administracións públicas e os centros.
No caso de Galicia apóstase pola estabilidade e equilibrio nas ensinanzas. Deste xeito, ademais das asignaturas troncais de Ciencias da Natureza, Ciencias Sociais, Lingua Castelá e Literatura, Matemáticas e Inglés, o alumnado debe cursar Educación Física, Educación Artística e Relixión ou Valores Sociais -esta última a elección de pais e nais-, ademais de, como xa se indicou anteriormente, Lingua Galega e Literatura co mesmo tratamento que Lingua Castelá e Literatura.
O novo currículo de Primaria reforza a adquisición da competencia clave de matemáticas. Así mesmo, mantense o peso das ciencias sociais e naturais, na súa nova configuración de dúas asignaturas, cunha nova redistribución; apostando ao mesmo tempo pola estabilidade nas materias artísticas, nas súas vertentes de Música e Plástica e na educación física.
Os currículos incluídos neste decreto incorporan elementos transversais relacionados co desenvolvemento sostible e o medio ambiente, a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a orientación ao desenvolvemento do espírito emprendedor, os hábitos de vida saudable e o exercicio físico, a seguridade viaria e todos aqueles valores inherentes ao principio de igualdade de trato e non-discriminación por calquera condición ou circunstancia persoal ou social ou por razón de orientación sexual ou identidade de xénero.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través de este texto, fomentará a calidade, equidade e inclusión educativa das persoas con discapacidade, a igualdade de oportunidades e a non-discriminación por razón de discapacidade, as medidas de flexibilización e alternativas metodolóxicas, as adaptacións curriculares, a accesibilidade universal, a atención á diversidade e todas aquelas medidas que sexan necesarias para conseguir que o alumnado con discapacidade poida acceder a unha educación de calidade en igualdade de oportunidades.
No currículo se afonda no traballo xa emprendido polo sistema educativo galego mediante os programas de bibliotecas escolares e formato da lectura, o programa de educación dixital, a promoción de estilos de vida saudable e, como xa se apuntou anteriormente, a aprendizaxe de linguas estranxeiras.